Leti da Taberna levará o seu humor a Vilalba este mes con 'Enredadas no Camiño'

Leti da Taberna levará este verán o seu humor ás rutas xacobeas con Enredadas no Camiño, unha nova xira de monólogos que fará parada no municipio o vindeiro 16 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez.
Leti da Taberna, coñecida nas redes pola súa particular mirada sobre o rural galego, reúne unha comunidade de máis de 136.000 seguidores entre Instagram, TikTok e Facebook. Tras levar aos escenarios Enredada e Jastac Japi Jolidais, os seus dous primeiros espectáculos, regresa agora co seu terceiro monólogo, Enredadas no Camiño, unha versión adaptada de Enredada que leva a esencia do espectáculo ás rutas xacobeas e incorpora novas historias e experiencias recollidas en cada localidade a través de pezas audiovisuais creadas especificamente para cada parada.
É posible desconectar de verdade nun mundo que nunca para, nin sequera peregrinando? Pode convivir a vida moderna coa calma e as particularidades do rural galego? Estas son as preguntas das que parte Enredadas no Camiño, un espectáculo que se achega ao Camiño de Santiago desde o humor e a retranca, poñendo o foco nas persoas e nas historias que forman parte das rutas xacobeas.
Leti sairá polas rúas de Vilalba ao encontro de persoas peregrinas, veciñanza e xente que vive e traballa ao pé das rutas xacobeas para coñecer e recoller esas pequenas grandes historias que fan do Camiño unha experiencia única e que forman parte da cultura do noso país.