Lévase unha proposición non de lei para que haxa un pediatra en Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito

LugoXa | TerraChaXa
A proposición, levada polo BNG, debaterase este xoves no Parlamento Galego para pedir que a reposición urxente do servizo de pediatra
manifestación-centro-de-saúde-Outeiro,-Cospeito
12 Nov 2024

A deputada do BNG, Olalla Rodil, presentou no Parlamento galego as deficiencias pediátricas que teñen os concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito.

Así, o vindeiro xoves debaterase unha proposición non de lei onde se pide a urxente reposición do servizo de pediatra nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei.

Actualmente, estes tres municipios quedaron sen pediatra ao non cubrir o SERGAS a baixa laboral da persoa titular. "Esta situación fai que as nenas e nenos sexan atendidos por médicos de familia, non pediatras, ou que se vexan obrigadas as familias a acudir ás urxencias pediátricas do HULA", explican.

Ademais, sosteñen que, aínda que "consideramos que están os médicos de familia moi capacitados, non deixan de ser especialistas noutras disciplinas, non en pediatría". Esta circunstancia levou as familias dos tres concellos a reclamar “o dereito da mellor atención posible para os fillos e fillas” e en todo caso, “en igualdade con outras nenas e nenos do seu entorno”, porque estas nais e pais, afirmou Olalla Rodil, “teñen dereito a ter unha asistencia pediátrica de calidade e nos seus concellos”.

Rodil denunciou “a capacidade que a enfermería pediátrica ten para abordar os coidados das criaturas en idade infantil, pero unha enfermeira pediátrica non é un servizo de pediatría e xa non vale facer trampas como o ano pasado que anunciaron que Outeiro de Rei contaría con asistencia pediátrica a tempo completo pero o que ía ter era pediatra un día á semana e enfermeira pediátrica tódolos días".

“Ambas especialidades son importantes e complementarias e realizan traballo autónomo, pero non serven para intercambiar competencias”, sentenciou a deputada.

Non se trata da calidade dos profesionais, trátase da “calidade do sistema e das políticas sanitarias” que se deseñan e implementan para dar resposta ás necesidades da poboación.

Os tres concellos compartían unha pediatra, 2 días en Cospeito que ten 318 crianzas, 2 en Castro de Rei con 440 e 1, o venres en Outeiro con 621 crianzas que quedan sen atención médica pediátrica. "O único que pedimos é que as persoas que fan a súa vida nestes concellos teñan un ou unha médica especialista á que levar ás súas rapazas e rapaces". Olalla Rodil afirmou que os nenos e nenas son “o futuro do país” e neste caso, nos concellos de Lugo son “o futuro do noso rural”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17161202430725