Liberados os dous ocupantes dun turismo despois de chocar contra unha casa en Cospeito
Os Bombeiros excarceraron na madrugada deste venres a dúas persoas atrapadas no interior do turismo no que viaxaban. O vehículo, que circulaba pola estrada que une as localidades de Cospeito e Vilalba, á altura do punto quilométrico 13, chocou contra unha casa despois de saírse da vía. Así o relataba o particular que chamou, sobre as 04.30 horas, ao 112 Galicia para pedir axuda.
Tras recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 (CIAE), alertouse ao persoal sanitario, axentes de Tráfico e aos Bombeiros de Vilalba. Membros do parque comarcal nada mais chegar ao lugar do sinistro confirmaron a excarceración dos dous ocupantes. Unha vez liberados os dous feridos foron trasladados en dúas ambulancias que os técnicos sanitarios desprazaron ao punto.
Ademais, debido aos danos ocasionados, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.