Licitadas as obras da estrada entre Riotorto e Vilameá

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de licitar as obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-124, entre as localidades de Riotorto e Vilameá (A Pontenova), para as que destina un orzamento de máis de 604.
estrada riotorto
17 Jun 2018

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de licitar as obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-124, entre as localidades de Riotorto e Vilameá (A Pontenova), para as que destina un orzamento de máis de 604.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou as liñas mestras deste proxecto, acompañado do alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e do tenente alcalde da Pontenova, Francisco Martínez, e xunto a técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.

As obras desenvolveranse no treito comprendido entre os PKs 23 040 (á saída da travesía de Riotorto) e 29 550 (final da estrada en Vilameá, na intersección coa N-640), e consistirán na extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a sección. Neste tramo están incluídas as travesías de Recesende e Vilameá. O prazo de execución dos traballos será de catro meses.

A administración autonómica prevé tamén realizar actuacións complementarias para mellora da seguridade, mediante o reforzo da sinalización vertical, e substitución dos postes das barreiras de seguridade e a colocación de novos tramos de sistemas de contención. Ademais a obra inclúe a construción de cunetas de formigón para a mellora da drenaxe que ademais servirán como sobreancho practicable.

“O obxectivo desta obra é completar as melloras realizadas noutros puntos da estrada LU-124, atendendo á petición dos alcaldes de ambas localidades e na procura de garantir unha circulación máis segura e confortable para os usuarios da vía”-dixo o delegado.

Balseiro lembrou que a administración autonómica leva desde o ano 2015 traballando intensamente na mellora desta estrada con achegas que no seu conxunto superan os 3 millóns de euros. Neste momento a Xunta actúa no tramo comprendido entre Lindín (enlace A-8) e Cruz da Cancela (PK 8+200 a 15+240) con previsión de remate a finais deste verán, e xa finalizou os traballos realizados nesta mesma vía no enlace coa A-8.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

0.15912818908691