Licitadas dez prazas de atención ao Alzhéimer no centro de día de Vilalba

TerraChaXa
A Xunta ten en contratación 25 prazas de atención en alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas nos concellos de A Coruña e Vilalba
maiores residencia coidado saf
20 Xuño 2023

A Xunta de Galicia ten en contratación un total de 25 prazas de atención terapéutica en alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas nos concellos de A Coruña e Vilalba para este ano e os dous seguintes: 2024 e 2025. O orzamento deste contrato ascende a case 767.000 euros polos tres exercicios —preto de 462.000 euros no caso de A Coruña e algo máis de 305.000 euros no caso de Vilaba— e as entidades que xestionan centros de día de alzhéimer nestes dous municipios teñen de prazo ata o día 14 do vindeiro mes de xullo para presentar as súas ofertas.

Destas 25 prazas de atención en centro de día, 15 son para a Coruña e as 10 restantes para Vilalba. Ademais, o contrato inclúe 33 prazas para o servizo de transporte adaptado aos centros: 20 están contempladas no lote de A Coruña e as 13 restantes no de Lugo.

Para a selección da entidade adxudicataria teranse en conta, ademais do prezo que oferten, a ratio de persoal de atención directa, o seu nivel de formación e se teñen plans de formación continuada. Así mesmo, valorarase que se favoreza a conciliación da vida familiar e laboral dos seus traballadores; a metodoloxía da intervención que seguen nos coidados ás persoas usuarias ou a atención e comunicación coas familias.

0.16762590408325