López Campos reúnese cos alcaldes de Riotorto e Bóveda para mirar accións de dinamización cultural

TerraChaXa | AMariñaXa
En concreto, afondaron nas posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas
lopez-campos-alcalde-riotorto
15 May 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abordou hoxe cos alcaldes lucenses de Riotorto e Bóveda, Clemente Iglesias e José Manuel Arias, respectivamente, cuestións vinculadas coas materias do seu departamento.

En concreto, afondaron nas posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas culturais de cara a que estean nas condicións axeitadas para acoller a programación de verán e tamén para ir adiantando e preparando a do Xacobeo 2027, tendo en conta os vencellos e proximidade destes municipios aos camiños Norte e ao de Inverno. Ademais, tamén analizaron accións de dinamización cultural da lingua, apoio á mocidade e de conservación e posta en valor do patrimonio.

Precisamente, o representante de Cultura do Goberno tirou proveito desta xuntanza para analizar polo miúdo con ambos os dous rexedores as modificacións levadas a cabo na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que están a permitir reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.

Neste senso, cómpre subliñar que, ata este momento, a Xunta de Galicia era a única administración autonómica que informaba dos bens de todo o territorio con independencia de cal fose o seu grado de protección, o que estaba a supor a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.

0.14188504219055