Lorenzana e Vázquez Iglesias visitan Pastoriza para dar o seu apoio ao proceso de repotenciación eólica

GaliciaXa | TerraChaXa
Neste momento hai en Galicia 24 instalacións en distintas fases, o que permitirá reducir ata nun 85 por cento o número de aeroxeradores e pasar de 1.047 a tan só 150
visita-pastoriza-repotenciacion-eolica
27 Nov 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, aseguraron hoxe que a repotenciación dos parques eólicos que se está levando a cabo en Galicia demostra que o desenvolvemento industrial do sector é compatible co respecto ao territorio e ao medio ambiente, posto que vai permitir reducir o número de aeroxeradores nun 85 por cento.

Os conselleiros, acompañados do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitaron hoxe o parque experimental da empresa Norvento, que coincidiron en poñer como exemplo de que en Galicia é posible innovar e despregar enerxía renovable con tecnoloxía cen por cento galega.

Segundo dixo a conselleira de Economía e Industria, neste momento hai en Galicia 24 instalacións eólicas en distintas fases de repotenciación (rematadas, en curso ou solicitadas). Isto permitirá reducir ata nun 85 por cento o número de aeroxeradores (897 menos), e pasar de 1.047 a tan só 150 operando, grazas á substitución dos vellos equipos por outros máis modernos e eficientes.

Lorenzana apuntou que a Xunta vai seguir apostando por esta nova tecnoloxía e avanzando no Plan Sectorial Eólico de Galicia que, indicou, no ano 2027 comezará a súa tramitación ambiental estratéxica. Xunto con isto, tamén, destacou que se vai continuar coas medidas de desconto da factura eléctrica para as industrias -porque significa “máis competitividade”, “máis atracción de empresas”, dixo-, e para os fogares, con iniciativas como a do parque eólico Mondigo, na provincia de Lugo, que xestiona Recursos de Galicia (RDG).

Pola súa parte, o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que as enerxías renovables e instalacións como as que visitaron hoxe “son imprescindibles” na transición cara á descarbonización. Neste sentido, Nicolás Vázquez salientou que a Xunta está a traballar nuns obxectivos “moi ambiciosos” para Galicia: reducir en 2030 nun 75 por cento as emisións netas de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990; e acadar no horizonte do ano 2040 a neutralidade climática.

Así mesmo, tamén subliñou a aposta da Xunta pola repotenciación de parques eólicos que levan anos funcionando, substituíndo as máquinas máis antigas por outras máis modernas e eficientes, o que posibilita producir máis electricidade renovable con menos aeroxeradores. Neste sentido, lembrou a importancia de ter parques eólicos como o da Pastoriza, deseñados cun respecto absoluto ao medio natural e reducindo os efectos da súa implantación no territorio, e destacou tamén a aposta que se fai por experimentar desde a innovación cos “aeroxeradores do futuro”, que permitirán nesas repotenciacións aproveitar e producir máis enerxía renovable.

0.16214609146118