LúaMeiga regresa a Castro de Rei cunha xornada de arte, música e tradición arredor do San Xoán

LugoXa | TerraChaXa
Desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00 horas con entrada libre e numerosas actividades gratuítas
luameiga-castro
21 Jun 2026

A contorna do río Azúmara en Castro de Rei acollerá o vindeiro 24 de xuño a segunda edición de LúaMeiga, un festival que combina arte, música, artesanía e tradicións populares galegas nunha xornada pensada para todos os públicos. O evento, organizado pola asociación cultural sen ánimo de lucro Antigua Fonda 1943, desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00 horas con entrada libre e numerosas actividades gratuítas.

A programación inclúe unha clase de pilates para dar a benvida ao solsticio de verán e aproveitar a contorna natural, ademais de catro obradoiros creativos dedicados á elaboración de coroas de flores, peixes de cerámica, talla de madeira e pintura téxtil. Tamén haberá unha demostración de tear tradicional e un obradoiro de baile tradivertido. A participación nestas actividades é gratuíta, aínda que será necesario reservar praza previamente a través do correo electrónico da organización.

Ao longo do día, os asistentes poderán desfrutar dunha sesión vermú con música en directo, dunha oferta gastronómica baseada en produtos locais e dun mercado de artesanía. Ademais, habilitarase un espazo para a II Exposición de Fotografía Histórica “Castro de Rei, os recordos dunha vila e a súa contorna”, da autora Laura Díaz.

A organización destaca tamén o carácter pet friendly do festival, que permitirá a asistencia de persoas acompañadas dos seus animais de compañía.

LúaMeiga conta coa colaboración da Asociación Amigos da Feira, dos programas Tradigalu e Mans Artesás da Deputación de Lugo, das veciñas e veciños e dos establecementos colaboradores, así como do Concello de Castro de Rei, que facilita as instalacións necesarias para a celebración do evento.

A asociación organizadora lembra que o festival está autofinanciado e anima ás persoas asistentes a colaborar mediante o consumo na barra habilitada ou a compra de rifas para o sorteo de produtos artesanais.

Como actividades complementarias, o martes 23 de xuño celebrarase unha andaina para recoller as herbas de San Xoán e preparar o tradicional cacho e a auga de San Xoán. A saída está prevista para as 18:00 horas desde o Campo da Feira de Castro de Rei.

Xa o mércores 24 de xuño, ás 18:00 horas, terá lugar unha sesión de Ecstatic Dance guiada por Maré na primeira planta do Teleclube. Esta actividade require inscrición previa e ten un custo de 15 euros ou, alternativamente, unha achega voluntaria ao remate da sesión.

A programación completa e os horarios poden consultarse nas redes sociais do festival, a través dos perfís de Instagram e Facebook de LúaMeiga.

0.14138984680176