Lugo convértese na capital española do cómic histórico co apoio da Deputación

TerraChaXa
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao director artístico, Manel Cráneo e ao ilustrador e colaborador das principais editoriais de cómic, Javier Montes, presentaron no salón de actos do Pazo de San Marcos, o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia co que colabora o organismo provincial.
comic deputacion
26 Abr 2019

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao director artístico, Manel Cráneo e ao ilustrador e colaborador das principais editoriais de cómic, Javier Montes, presentaron no salón de actos do Pazo de San Marcos, o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia co que colabora o organismo provincial. Esta programación, que se celebrará en Lugo entre o 25 de abril e o 5 de maio, participarán os ilustradores Javi Montes, Víctor Boullón, José Barreiro, Miguel Fernández e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento.

López Izquierdo subliñou que “tras o éxito da pasada edición, esta innovadora proposta, consolídase na capital lucense, pois inclúe actividades para os amantes da historia, do debuxo e do cómic. Este encontro, contribúe a poñer en valor a importancia desta disciplina artística e, especialmente, a calidade de profesionais galegos que, algúns deles, están a traballar nas mellores editoriais de cómic do mundo”.

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia está organizado pola editorial especializada en banda deseñada Demo Editorial e polo portal web Historia de Galicia www.historiadegalicia.gal. Nesta cita, na que tamén colaboran a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Ramón Falcón, haberá proxeccións, obradoiros de debuxo para nenos, un roteiro histórico ou unha masterclass impartida por ilustradores, entre outros.

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia alterna sesións didácticas e educativas, con sesións prácticas e lúdicas. Comezará o xoves 25 de abril cunha masterclass sobre cor dixital, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Será ás 17:00 horas, na Escola de Arte Ramón Falcón.

Continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio, ás 10.00 horas, haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia. Os interesados poden apuntarse en www.rutasdehistoria.com

A partir das 11:00 horas deste mesmo día no CENTRAD, haberá un obradoiro para nenos no que aprenderán as principais técnicas da ilustración histórica, a debuxar castrexos, romanos, viquingos ou cabaleiros medievais, entre outros. Os interesados deberán inscribirse na web Historia de Galicia. Ás 13.00 horas os autores participantes no encontro asinarán libros na Librería Totem.

Na tarde do sábado, a sala central do CENTRAD acollerá varias conferencias e mesas redondas cos autores: Miguel Fernández, falará sobre a banda deseñada da Galicia medieval ás 17:30 horas;  Manel Craneo, explicará a historia da banda deseñada en Galicia ás 18:30 horas; e Javi Montes e José Barreiro falarán sobre o mercado europeo de banda deseñada histórica ás 19:30 horas.

Por último e como remate a esta programación, o 5 de maio, ás 12:00 horas na Sala Clavicémbalo, proxectaranse películas e documentais sobre banda deseñada e haberá unha sesión de contacontos históricos da man do actor e contacontos, Avelino González. Tamén haberá oportunidade de manter conversas máis informais cos ilustradores.

 

0.22822403907776