Saleta Goi

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
13 Out 2022

Adóitase dicir que detrás dun gran home sempre existe unha gran muller. E para que disimular, xa que normalmente tal afirmación resulta ser certa. No mes de setembro marchou Saleta Goi, a compañeira de vida  durante case medio século do poeta nacional galego por excelencia, e por derivación tamén chairego, Manuel María, ata a morte deste, acontecida en dous mil catro.

Saleta naceu hai noventa anos, co cal lle tocou vivir a súa nenez, adolescencia e boa parte da etapa adulta en plena ditadura franquista. Ela e o seu marido foron comprometidos militantes do Galeguismo con letras maiúsculas nunha época onde iso supoñía ir contra o sistema. Non remar na dirección marcada polo establecido, supuña correr un risco considerable. E así foi, xa que ámbolos dous sufriron acoso e intimidación por esa dedicación firme na defensa dos dereitos culturais e nacionais de Galicia. Durante o tempo que botaron en Monforte de Lemos, mentres Manuel María exercía a profesión de procurador, Saleta rexentaba a Libraría Xistral, lugar no que se atendía o público en galego, o que lle valeu ser obxecto de campañas de descrédito. Ese activismo, lembremos, en pleno franquismo, derivou en rexistros domiciliarios e mesmo en detencións. Non os venceron, porque a forza da razón neste caso e en moitos outros é máis potente que a razón da forza. Manuel María seguiu a escribir e a súa obra aí está presente; como diciamos ao principio, el era poeta chairego, xa que A Chaira estaba presente sempre no seu pensamento, no seu corazón e na súa creación literaria. E tanto el como a súa dona continuaron esa loita a prol de Galicia, do seu idioma e das súas xentes.

A raíz do pasamento, a súa viúva impulsou a Fundación Manuel María, sendo ata a data a presidenta. A adquisición da vivenda natal do escritor, A Casa das Hortas, en Outeiro de Rei, para convertela en casa museo foi a culminación dun longo proceso. Desde esta entidade amósase ao público o seu legado, levando a cabo obras teatrais e musicais, publicacións e outros actos que conseguen que a memoria de Manuel María siga viva de maneira permanente. Con posterioridade, viría o merecido recoñecemento tras serlle dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2016.

A implicación de Saleta levouna a ser parte daquela asamblea no pavillón de Riazor onde se pretendeu artellar nunha organización política o conxunto do nacionalismo galego. A casualidade quixo que se cumprisen xusto neste mes de setembro corenta anos daquel acto fundacional.

Saleta Goi era unha muller excepcional, amante da conversa e que sempre recibía a todo o mundo cun sorriso acolledor. Atenta con todo aquel que a requerise, opinaba con sentido crítico da actualidade, sempre con espírito calmo e cordial.

Parafraseando a Mercedes Queixas, deputada no Parlamento Galego e biógrafa de Manuel María, foise a compañeira das lúas de outono, a muller nación, memoria viva desta nosa patria que existe grazas a mulleres nación referentes como ela.

Que a Terra lle sexa leve

0.19322204589844