Luz verde ambiental para contruír en Outeiro de Rei a cidade deportiva do CD Lugo

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) da cidade deportiva do Club Deportivo Lugo, en Outeiro de Rei, un instrumento para abordar a ordenación pormenorizada dos terreos de solo rústico nos que está prevista a futura implantación deste equipamento.
Así consta no informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxo anuncio foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e que tras analizar o plan, establece que non son previsibles efectos ambientais adversos significativos sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución para contribuír á salvagarda dos valores do patrimonio cultural incluídos no ámbito e na súa contorna, así como para mellorar a integración paisaxística das actuacións proxectadas.
Cómpre lembrar que esta resolución se emite no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEID, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as súas observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha.
Unha vez ditada a resolución, o informe ambiental foi remitido ao promotor (o CD Lugo) e ao órgano substantivo (o Concello de Outeiro de rei) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e agora faise público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no DOG como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto do plan é establecer a ordenación detallada para a implantación dun equipamento destinado a centro deportivo nun recinto de solo rústico que ocupa parte dunha parcela no lugar de Cupeiro, nas proximidades da N-VI.
En concreto, o ámbito de actuación abrangue unha superficie total de 96.272,6 metros cadrados na que se prevé dispoñer tres campos de fútbol orientados de norte a sur, cunha edificación principal ao norte da parcela e un campo máis pequeno ao sur, distribución coa que se busca a máxima integración das infraestruturas deportivas na topografía e no tecido vexetal preexistente nos terreos.
A zonificación prevista no PEID está zonificada en tres áreas. A primeira, localizada ao sur do ámbito e con 42.462 m2, constituirá o principal espazo e está destinada a pistas e instalacións ao aire libre. Esta zona conta cunha grada perimetral que pecha o espazo deportivo e permítese edificación en dúas plantas. A zona 2, localizada na metade noroeste, conta con 32.376 m² de superficie dedicados a espazos libres e nela se integra a maior parte da vexetación autóctona existente e a zona de charcas e pozas.
Por último, a zona 3, situada ao nordés, ten unha superficie de 21.430 m² na que se propón unha edificación de dúas plantas e que tamén integrará as ruínas industrias rehabilitadas e reacondicionadas. Estas edificacións destinaranse ao uso de alto rendemento, aloxamento e residencia.