Luz verde para a creación da Colección Margarita Ledo en Castro de Rei

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo para a creación e cualificación da Colección Museográfica Margarita Ledo Andión, xestionada pola fundación homónima e que pasará así a integrarse no Sistema galego de centros museísticos. Trátase dun espazo que estará dispoñible no concello de Castro de Rei e que estará dedicado a difundir o coñecemento da figura da escritora e cineasta e do seu legado literario, artístico, fotográfico e filmográfico, converténdose no primeiro centro museístico do sistema dedicado a unha intelectual contemporánea.
Para a súa incorporación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tivo en conta o papel do centro como dinamizador da vida social e cultural da vila de Castro de Rei, esencialmente rural, achegando a toda a comarca a obra de artistas do panorama actual xa recoñecidos e outros que empezan a destacar, e favorecendo a inclusión neste territorio, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Deste xeito, esta nova incorporación súmase ás 23 coleccións rexistradas actualmente nesta rede e que se corresponden con aquelas que, sen reuniren os requisitos propios para funcionar como un museo, si cumpren con criterios museográficos, aos 71 museos e aos catro centros de interpretación do patrimonio cultural existentes na nosa Comunidade.
Así, o legado titularidade da Fundación Margarita Ledo Andión gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, podendo acceder a convocatorias de axudas específicas, participando en xornadas técnicas e contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento dunha colección museográfica, determinando as áreas de funcionamento, prioridades e necesidades.
A colección museográfica Margarita Ledo está formada por obras de arte contemporánea de artistas, tanto galegos como nacionais e internacionais, e inclúe pinturas, gravados, fotografías, esculturas, cerámicas e fondos filmográficos. Conta, ademais, cunha importante biblioteca especializada en arte contemporánea, cinema e fotografía.