Maiores de Momán visitan Meira dentro dun programa que incentiva o coñecemento do patrimonio

TerraChaXa
A xornada iniciouse coa visita á exposición 'O río que nos move', onde se aborda o percorrido completo do río Miño ao longo dos seus 317 quilómetros
maiores-de-moman-visita-meira
20 Apr 2026

No marco do programa de subvencións promovido polo Concello de Xermade, a Asociación de Maiores de Momán desenvolveu unha actividade formativa baixo o título Viaxar amplía horizontes, centrada no coñecemento do territorio e do patrimonio natural galego.

A xornada iniciouse coa visita á exposición O río que nos move, onde se aborda o percorrido completo do río Miño ao longo dos seus 317 quilómetros. Neste contexto, proxectouse un vídeo didáctico no que se analiza o nacemento do río, destacando as achegas das investigacións xeográficas que sitúan a súa orixe no Pedregal de Irimia. Coñecéronse os procesos naturais de creación das formacións xeolóxicas do territorio, tanto do Pedregal de Irimia como da lagoa da Fontemiñá.

Durante esta primeira parte da visita, o grupo foi recibido por Joany Jartin Salgado, técnica de Turismo do Concello de Meira, quen guiou a actividade e ofreceu todo tipo de explicacións, contribuíndo de maneira destacada ao aproveitamento didáctico da xornada.

A continuación, o grupo realizou un percorrido pola meirega Rúa da Balsa, espazo de gran interese paisaxístico e etnográfico, ligado á produción de cal. Durante a visita, deuse a coñecer a lenda da existencia dunha antiga lagoa subterránea, explicando os procesos naturais e interpretacións tradicionais do territorio ao que está vinculada, o que permitiu establecer un diálogo entre coñecemento científico e saber popular.

A actividade concluíu cunha visita ao enclave do Pedregal de Irimia, punto real de nacemento do río Miño. Este último tramo da xornada favoreceu a reflexión sobre a importancia da investigación na reinterpretación do territorio, así como sobre o valor do patrimonio natural como elemento fundamental da identidade cultural.

Cómpre salientar que o grupo estivo acompañado en todo momento por Luis Ángel Rodríguez Patiño, cura párroco de Momán e Xestoso, así como representante legal da Asociación de Maiores, quen participou activamente na actividade.

Este tipo de iniciativas contribúen de maneira significativa ao fomento do envellecemento activo, promovendo a aprendizaxe continua, a participación social e o coñecemento do medio.

En definitiva, experiencias que, tal e como recolle o propio programa, permiten ampliar horizontes a través da cultura e do territorio.

0.12384676933289