Máis de 20.000 persoas convocadas nas oposicións da Xunta que se celebran esta fin de semana
Máis de 20.000 persoas están chamadas a participar nas oposicións de acceso á Xunta de Galicia que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia, na localidade pontevedresa de Silleda. O número total de aspirantes convocados nas catro oposicións é de 20.252 persoas.
As probas comezarán este sábado 13 ás 9,30 horas da mañá co primeiro exercicio da oposición para cubrir 38 prazas no corpo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma A1, para o que están convocados 1.176 aspirantes. A continuación, ás 16,00 horas terá lugar o exame para cubrir 53 prazas do corpo auxiliar C2 que aglutina a maior parte dos aspirantes convocados, un total de 10.315 persoas.
En canto ao domingo 14, ás 9,30 horas da mañá realizarase o exame para ingresar no corpo de xestión da Administración Xeral de Galicia A2, para o que se ofertan 30 prazas e están convocados 2.010 aspirantes. E finalmente, ás 16,00 horas será a quenda da categoría de camareiro-limpador/axudante de cociña, na que están chamadas a participar 6.751 persoas para cubrir 76 prazas.
Operativo de seguridade
Un operativo formado por 380 persoas controlará durante toda a fin de semana os exames de acceso á Xunta de Galicia en Silleda. Dentro deste dispositivo figuran máis dun cento de funcionarios da Administración galega que se encargarán do control de acceso aos pavillóns no que se realizarán os exames.
En cada porta ubicaranse entre seis e oito persoas, dependendo do volume de aspirantes de cada proceso selectivo, o que permite garantir a seguridade no acceso e a súa fluidez, co obxectivo de que todos os opositores realicen o exame de xeito simultáneo.
O recinto feiral de Silleda disporá tamén durante a fin de semana dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.