Máis de 200 metros de pista renovados para mellorar as comunicacións no barrio de Guntín

TerraChaXa
A actuación, executada coa maquinaria do parque móbil da Deputación de Lugo, forma parte do plan municipal de rexeneración de camiños e pistas no rural de Vilalba
VILALBA melloras rua
4 Aug 2026

O Concello de Vilalba continúa avanzando no seu plan de rexeneración e mellora da rede viaria municipal coa finalización das obras de acondicionamento da pista do barrio de Guntín, na parroquia de Sancovade.

A intervención permitiu renovar máis de 200 metros deste vial, situado na contorna posterior do antigo Hotel Villamartín e utilizado diariamente pola veciñanza para os seus desprazamentos e para a conexión co casco urbano de Vilalba.

A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos, que se enmarcan nas actuacións impulsadas polo Concello para mellorar as infraestruturas viarias das parroquias.

As obras realizáronse coa maquinaria do parque móbil da Deputación de Lugo, un recurso que permite aos concellos executar actuacións de mantemento e conservación da rede de camiños municipais.

Desde o Concello destacan que este tipo de intervencións buscan mellorar a seguridade e a mobilidade da veciñanza, ao tempo que contribúen a manter en boas condicións os accesos ás vivendas e ás explotacións do rural.

0.12283182144165