Máis de 200 persoas participan este domingo nunha nova edición da carreira e andaina Guitiriz Termal

TerraChaXa
As probas desenvolveranse ao longo da mañá, con saída da camiñada ás 10:00 horas e das cronometradas a partir das 12:00 horas
presentacion-guitiriz-termal
16 Apr 2026

Un total de 228 persoas de todas as idades participarán este domingo, 19 de abril, na nova edición da Carreira Popular Guitiriz Termal, que este 2026 celebra a súa décimo sexta edición, acompañada da quinta Andaina, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas do municipio. A proba conta está organizada en conxunto co Club Atletismo Guitiriz e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

A proba terá lugar no Campo da Feira como punto neurálxico da xornada, reunindo a participantes de todas as idades nun evento que combina deporte e convivencia. Como principal novidade, este ano celebrarase en horario de mañá.

A carreira está aberta á participación de todas as persoas que o desexen, con diferentes categorías adaptadas por idades, desde biberóns ata categoría absoluta, ademais dunha andaina de 9 quilómetros pensada para todos os públicos.

As probas desenvolveranse ao longo da mañá, con saída da andaina ás 10:00 horas e das distintas carreiras a partir das 12:00 horas, incluíndo percorridos adaptados para as categorías de menores e unha carreira absoluta de 5 quilómetros. A entrega de premios terá lugar arredor das 13:30 horas.

Como ben sendo habitual na proba, este ano tamén haberá compromiso social, xa que 1 euro de cada inscrición destinarase á asociación Somos Unidos Contra el Cáncer, habilitándose ademais unha fila cero para achegas voluntarias, aínda que con esta fila cero non se poderá participar na proba deportiva.

A inscrición en liña está pechada, pero no caso de realizala o mesmo día da proba, os prezos incrementaranse ata os 10 euros para a carreira e 5 euros para a andaina. A recollida de dorsais e chips realizarase o mesmo día da proba entre as 10:30 e as 11:30 horas no Campo da Feira.

Para facilitar a participación, habilitaranse distintos servizos como duchas no Pavillón Municipal a partir das 12:30 horas, zonas amplas de aparcadoiro nas inmediacións, servizo de ambulancia con médico no Campo da Feira e avituallamento con auga e froita, ademais dun agasallo para os participantes.

0.11767196655273