Máis de 240 xogadores participarán no Torneo 3x3 de Baloncesto NaturLeite Vila de Meira

TerraChaXa
A competición celebrarase o próximo 15 de agosto no marco das festas patronais e reunirá máis de 60 equipos de diferentes categorías
Torneo-3x3-de-Baloncesto-NaturLeite-Vila-de-Meira
13 Aug 2026

Meira volverá converterse este sábado, 15 de agosto, nun punto de encontro para os afeccionados ao baloncesto coa celebración dunha nova edición do Torneo 3x3 de Baloncesto NaturLeite Vila de Meira, unha cita xa consolidada dentro da programación das festas patronais da localidade.

A competición contará este ano coa participación de máis de 60 equipos e arredor de 240 xogadores, distribuídos en seis categorías por idades, desde premini ata sénior. Os conxuntos estarán formados por entre tres e catro integrantes e competirán ao longo da xornada nun formato que combina deporte, convivencia e participación.

Segundo os datos da organización, 21 dos equipos inscritos competirán na categoría sénior, mentres que o resto corresponderán ás distintas categorías de base, reforzando o carácter formativo e promocional do evento.

O torneo está organizado por Óscar Fernández, Manuel Huerta e Miguel Rodríguez, coa colaboración do Club Baloncesto Vila de Meira e o patrocinio de NaturLeite, e conta tamén co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a presentación do evento púxose en valor a traxectoria desta iniciativa deportiva, que ao longo dos anos conseguiu consolidarse como unha das propostas con maior seguimento dentro das festas patronais de Meira. Ademais, destacouse a capacidade do torneo para fomentar a práctica deportiva entre a mocidade e dinamizar a vida social do municipio durante as celebracións estivais.

0.12034916877747