Máis de 500 alumnos do Campus Terra farán prácticas na Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
Ao longo de todo este segundo cuadrimestre, máis de 500 alumnos e alumnas do Campus Terra realizarán prácticas na Granxa Gayoso Castro.
granxa gayoso castro
granxa gayoso castro
3 Mar 2021

Ao longo de todo este segundo cuadrimestre do curso académico, máis de 500 alumnos e alumnas do Campus Terra realizarán prácticas na Granxa Experimental de Leite que a Deputación de Lugo puxo en marcha na súa finca Gayoso Castro, en Castro de Rei, converténdose no primeiro centro público de Galicia que aglutina formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo.

Na Granxa Experimental de Leite realizarán prácticas de catro materias diferentes do Grao en Veterinaria. Estarán organizados en grupos pequenos para que a experiencia sexa o máis personalizada posible e se poidan gardar as distancias como medida de prevención da covid-19.  As materias, en concreto, son as de Enfermidades parasitarias, Cría e saúde animal, Nutrición e alimentación e Reprodución e Obstetricia. En cada unha delas analizan temas de parasitoloxía e simulan escenas de desparasitación, tamén estudan a alimentación dos animais e, entre outras cuestións, fan un seguimento dos embarazos coas súas correspondentes ecografías, análises e observacións.

No mes de decembro o alumnado xa tivo a ocasión de empezar a utilizar as instalacións, logo de que a institución provincial inaugurara este centro punteiro para o sector gandeiro.

Coa realización destas prácticas cúmprese coa función para a que a Deputación de Lugo construíu esta dotación pública: poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo do sector primario da provincia para promover o desenvolvemento do rural. Un lugar que contribúe a que as explotacións leiteiras da provincia de Lugo sexan máis rendibles e máis sostibles, axudándolles a afrontar retos importantes como aumentar o valor do produto, reducir costes de produción e favorecer o benestar animal. Nesta granxa analízanse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solucións.

Funcionamento

Agora mesmo a Granxa Experimental de Leite produce de media uns 1.500 quilos de leite ao día, con 36 vacas de leite. Os animais adaptáronse moi ben ás novas instalacións, onde contan cun innovador robot de muxido que obtén datos precisos sobre a produción de leite. O aparato permite coñecer información moi relevante á hora de facer estudos e investigacións, xa que se pode coñecer a produción diaria por animal, a produción diaria por cada teto, permite controlar a cantidade que come cada vaca ou, entre outros parámetros, leva o control das células somáticas.

O robot detectou que cada vaca produce de media 41 quilos de leite ao día e evidenciou que o centro conta con exemplares que chegan a producir 80 litros de leite ao día, unha cantidade considerada como excepcional.

Un centro á vangarda

A institución provincial destinou 1.250.000€ para construír e dotar as instalacións, o 90% do investimento necesario, achegando a USC o 10% restante. A Deputación asume ademais o 100% dos gastos de funcionamento. Trátase dunha infraestrutura de primeiro nivel tanto no material como no profesional.

As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite,  unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón.

Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000€, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura.

Instalouse unha sala de muxido con capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite.  Incorpora un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados.

O centro conta cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas universitarias.

Ademais da unidade de leite, a Granxa Gayoso Castro da Deputación alberga un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega coa colaboración de Acruga (Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega) e tamén un centro de recría de gando vacún de leite, o primeiro de iniciativa pública creado en España.

0.17666602134705