Máis de 600 ponteses fórmanse nos cursos municipais de mellora da empregabilidade

TerraChaXa
Os cursos de formación organizados polo Concello das Pontes permitiron mellorar, durante os últimos tres anos, a empregabilidade de máis de 600 ponteses.
31 May 2018

Os cursos de formación organizados polo Concello das Pontes permitiron mellorar, durante os últimos tres anos, a empregabilidade de máis de 600 ponteses.

O goberno local puxo en marcha, desde o ano 2015, 31 accións formativas co obxectivo de acrecentar e mellorar as posibilidades de incorporación ó mercado laboral dos veciños, contribuír a fomentar o emprego na localidade e dispor dun capital humano pontés cualificado.

Trátase de accións formativas deseñadas para que os participantes amplíen e actualicen os seus coñecementos profesionais; adquiran e desenvolvan as súas competencias persoais e sociais para acadar, deste xeito, unha situación máis favorable cara o mercado laboral que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións.

Por outra banda todas as accións formativas responden ás competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna, con cursos e programacións se axustan ás necesidades do mercado e destinadas a favorecer a incorporación laboral en sectores cun alto volume de demanda de profesionais.

Así, dentro a oferta formativa do Concello das Pontes posta en marcha durante este período incluíronse cursos de confección de páxinas web, loita contra incendios, formación para oficios especializándose na instalación, reparación, montaxe de estruturas metálicas así como en cerraxería e carpintería metálica.

Tamén se levaron a cabo cursos sobre prevención de riscos laborais, técnicas de seguridade, posicionamento e rescate para traballos en altura, montaxe e supervisión de liñas de vida, un curso de pilotaxe de drones ou un obradoiro de atención sociosanitaria no domicilio, entre outros.

Desde o Concello das Pontes remárcase que “o goberno local seguirá apostando polas políticas activas de formación para dispor dun capital humano pontés cualificado, con maiores e mellores posibilidades para incorporarse ó mercado de traballo e manterá o seu compromiso co asesoramento, o apoio e o acompañamento na procura de emprego para manter e impulsar o crecemento do mercado laboral do municipio.

0.1634521484375