Máis dun millón de euros para mellorar os camiños e as vías rurais da Terra Chá

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Os oito concellos da comarca beneficiáronse de actuacións para acondicionar infraestruturas que facilitan a mobilidade e o traballo dos produtores
COSPEITO xunta mellora ruas
22 Aug 2026

Máis dun millón de euros permitiron mellorar durante o período 2025-2026 diferentes vías e camiños rurais da Terra Chá. Os investimentos da Xunta beneficiaron aos oito concellos da comarca: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazouse este sábado a Cospeito para coñecer sobre o terreo varias das actuacións realizadas. Do investimento total, preto de 733.000 euros procederon do Plan Camiña Rural, destinado á construción e acondicionamento deste tipo de infraestruturas.

O resto dos fondos destináronse a diferentes actuacións nos concellos da comarca para mellorar vías rurais e facilitar o acceso aos produtores e a saída das súas producións.

No caso de Cospeito, o último Plan Camiña Rural permitiu actuar en pistas e estradas de diferentes puntos do municipio, entre eles Roás, Xustás, Sisoi, A Igrexa, Xermar e Gabín. Ademais, nestas semanas estanse a executar traballos de limpeza e acondicionamento de camiños rurais coa maquinaria da empresa pública Seaga.

Estas actuacións están a desenvolverse en distintos barrios de Xermar e tamén na parroquia de Santa María de Cospeito e en Muimenta.

Durante a visita, María José Gómez destacou a importancia destas infraestruturas para a actividade económica e social do medio rural. Segundo explicou, os camiños permiten vertebrar o territorio, mellorar a mobilidade da veciñanza e facilitar o transporte e comercialización dos produtos agroalimentarios.

A conselleira tamén sinalou o compromiso da Xunta de continuar colaborando cos concellos para mellorar as infraestruturas rurais.

0.12082290649414