Manuel Losada, o vello Castros da Chousa Grande
Por Raúl Río
O vello dos Castros dos Vilares, Manuel Losada, era pai de Serafín dos Castros (de quen falaremos noutra ocasión), foi un dos trapeiros mais importantes desta parroquia de nacemento de Díaz Castro e, ao igual que tantos outros, andou aos trapos polos tesos cumes do Caurel e pola terra brava, polos montes de Samos, do Incio e do Cebreiro, sempre acompañado do seu burro, no que cargaba a mercancía que mercaba.
Contaba que unha vez que ía co seu burro, perdeuse por aqueles montes tan inmensos e despoboados. Deulle a noite e, ao non saber se había casas cerca ou non, acordou durmir nunha choupana, desas que teñen os pastores no monte para meter o gando no inverno. Era unha especie de alboio sen porta e con unha barrela de táboas na que durmían os pastores. Meteu o burro na parte de abaixo e el subiuse á barrela. Tamén subiu a albarda para poñela de almofada na cabeceira.
Alá pola media noite oíu uns ruídos e deuse conta de que abaixo andaba o lobo a voltas co burro. Empezou a berrarlle, pero como non lle facía caso, e como non tiña outra cousa a man, acordou mandarlle a albarda que lle servira de cabeceira. Colleuna coas dúas mans e tiroulla con todas as súas forzas ao lobo que andaba a voltas co burro pero con tan mala sorte que as cinchas enganchárono polo pescozo e tamén el baixou detrás da albarda.
- Agora todo pro lobo! - pensou o home cando ía caendo.
Pero tivo sorte, porque foi o lobo o que colleu medo ao ver caer aquel home agarrado á albarda, polo que fuxiu a toda presa e non volveu en toda a noite.
Manuel era un home moi pausado e duns razoamentos moi fundados, igual que o seu irmán, o Tío Miguel de Agosto, O Estanqueiro da Tiñaz. Din que tanto un coma o outro cavilaban moito antes de dicir as cousas, que é como debe facer un home de ben, nunca dicilas sen pensar e sen valorar o efecto que poden ter as súas verbas. Facéndoo así case nunca se trabucaban nin tampouco ofendían a ninguén.
Non moi lonxe da súa casa patrucial hai unhas veigas comunais que chaman as Veigas das Silvas e tiña el unha cortiña, que pola parte de abaixo cabeceaba nesas veigas. O vello pensou en facer unha “ampliación de capital” agrandando a cortiña, desfacendo o seu valado de terróns e facendo outro un pouco mais adiante. Os veciños ao ver que collera un cachiño de veiga desfacíanlle o valado, tirando os terróns a gabea, pero ao pouco tempo el volvía a facer outro, pero agora un pouco mais adiante, e os veciños volvían tirarllo. Así unha chea de veces, e cada vez ía collendo un pouco mais de veiga. El seguía así ata que os veciños da Tolda, ao ver que o vello Manuel non se queixaba de que llo tiraran e seguía facendo a súa maneira e non cansaba na súa teima de facer cada vez “unha ampliación de capital”, dixéronlle:
-Bueno home. Ti es o demo! Empezaches collendo un cachiño de veiga pero non te conformas con coller ese cacho, senón que cada vez que fas de novo o valado vas mais adiante.
O vello despois de rascar a cabeza e pensar un pouco, contestou todo cheo de razón:
- Eu conformar si que me conformaba pero como vosoutros mo tirades teño que facelo mais adiante, xa que polo mesmo sitio non hai terrón.
Esa razón debeu convencer aos veciños e, cando o fixo de novo colleu outro pouco mais de veiga, como tiña por costume, pero non llo volveron tirar.