Manuel Monge presentará en Vilalba o seu libro sobre a historia da monarquía e a continuidade do franquismo

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro Vostede debería saber. A historia secuestrada da monarquía. 90 anos con Franco, do sociólogo e ensaísta Manuel Monge. O acto terá lugar o venres 27 de novembro, ás 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilalba, e contará coa presentación de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
A obra cuestiona o relato oficial sobre a Transición española e sostén, a través dunha ampla documentación, que o franquismo non desapareceu coa morte do ditador en 1975, senón que moitas das súas estruturas, intereses e formas de poder continúan vixentes na actualidade.
O libro propón unha revisión de episodios e feitos históricos que, segundo o autor, quedaron fóra do relato oficial para construír unha imaxe modélica, pacífica e exemplar da Transición. Monge aborda esta cuestión desde unha perspectiva crítica e cunha clara vontade de denuncia, recuperando aspectos da historia que considera ocultados.
Manuel Monge é mestre e sociólogo e foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entre 2007 e 2011. Ademais, foi vítima da represión franquista e conta cunha ampla traxectoria como escritor e ensaísta.
Entre as súas publicacións figuran títulos como Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo, Os restos do franquismo en Galiza e Feijóo. Biografía dun farsante (non autorizada).
Con esta presentación, o IESCHA continúa coa súa programación cultural e coa organización de actividades destinadas a fomentar a reflexión, o coñecemento histórico e o debate arredor de cuestións de actualidade.