Manuel Requeijo reclama máis implicación das administracións para clarificar a propiedade das parcelas rurais

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, reclamou un maior esforzo por parte das administracións estatal e autonómica para actualizar a información catastral e resolver as situacións de parcelas sen titularidade clara, unha problemática que, segundo advertiu, continúa dificultando a xestión e o aproveitamento do territorio nas zonas rurais.
Requeijo realizou estas declaracións durante unha xornada celebrada en Cangas de Narcea, no marco do proxecto europeo de cooperación “Clarificación de la propiedad. Una herencia para futuras generaciones”, impulsado por grupos de desenvolvemento rural de Asturias e polos grupos galegos Oscos Eo e Montes e Vales Orientais.
Durante a súa intervención, o rexedor valorou a participación do Concello de Muras no proxecto A Finca, promovido polo Ministerio de Facenda e desenvolvido no ano 2022. Esta iniciativa tiña como obxectivo facilitar a actualización dos datos catastrais e a inscrición de propiedades no Rexistro da Propiedade por parte da cidadanía. Muras foi un dos 23 concellos do Estado seleccionados para participar debido ao seu elevado índice de despoboamento.
Con todo, Requeijo considera que os resultados non foron os esperados. Segundo explicou, “fixéronse xestións con proba documental, pero non houbo un traballo de campo polo que non se percibiu unha mellora significativa”. Neste sentido, advertiu de que a falta de clarificación da propiedade continúa xerando dificultades tanto nas operacións entre particulares como en procedementos administrativos nos que participan os concellos, como a devolución aos propietarios dos montes conveniados.
O alcalde murés destacou ademais que a problemática non é exclusiva de Galicia, senón que afecta a numerosas áreas rurais de todo o Estado. Por iso, insistiu na necesidade de impulsar “un traballo de campo sistemático” por parte das administracións públicas para actualizar a información existente e resolver os conflitos de titularidade.
Na súa opinión, a situación actual acaba favorecendo ás grandes empresas con capacidade técnica e económica para superar estes obstáculos administrativos. “Só beneficia a grandes corporacións como as enerxéticas, que teñen capacidade técnica e económica para superar obstáculos que son insalvables para persoas particulares e administracións locais”, concluíu.