María Isabel Vázquez Rodríguez, poeta galega en Euskadi
Por Raul Río
Foi o historiador vasco Eduardo Renobales quen me presentou a súa compañeira de traballo en Correos, a poeta galega María Isabel Vázquez, afincada en Santurtzi, que despois de nacer en Palas de Rei emigrou con seus pais a Euskal Herria en 1965, cando aínda non cumprira os dous anos.
Afincáronse en Sestao e na súa casa vivíase nun ambiente galego, pois no núcleo familiar falábase o noso idioma. Isto fixo que a nena se dera conta de que seus pais falaban diferente dos veciños e dos pais da maioría dos seus compañeiros do colexio. Sentíase rara e sentía rara tamén a súa familia, pero ela non dicía nada, ata que un día oíu recitar na escola as Cantigas de Alfonso X, O Sabio, e saíu do colexio a toda velocidade, chegou á casa e díxolle a súa nai: “¡Hay un rey muy listo que habla como nosotros!”
Desde aquela deixou de sentirse rara para sentirse orgullosa dun idioma que falaba un rei moi listo. Empezou a darlle valor ao idioma e sentilo como algo natural; tomou conciencia do que era ser galega e da beleza da lingua na que sempre lle falaron seus pais e seus avós, procurando a partir daquela lelo e aprendelo.
Vivía no País Vasco, onde tiña as súas amigas e amigos, pero atopábase entre bloques de cemento, sen embargo, cando ía pasar as vacacións con seus pais a Galiza era outro mundo: ía polas chousas, vía animais e un mundo de liberdade; montar nun carro de vacas cheo de herba; ver esa relación tan íntima entre os animais, que o home precisa deles e os animais dos homes. Viu que para os seus avós as vacas e os cochos eran os seus tesouros. Chamáballe moito a atención os nomes das vacas, non porque todas tiveran nome de muller como dicía Feixoó, senón porque se repetían en case todas as casas e case todos tiñan unha Gallarda, unha Parrula, unha Roxa, unha Pomba ou unha Linda, polo que nun poema que está a facer nomea a campá que levaba a Linda e que conserva na súa casa coma se fora unha reliquia.
A partir dos 17 anos empezou a ler a Rosalía, a Curros e outros, vellos e novos, así como estudar a gramática galega para poder escribilo. Namorouse de Galiza, das súas supersticións e das lendas que lle contaban; dos espíritos, dos aparecidos e da Santa Compaña. Pensaba que todo aquelo era un gran mundo para a literatura. Despois licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade do País Vasco e agora compaxina o seu traballo en Correos coa escritura e a investigación histórica e literaria, non querendo ocultar o amor que sente pola nosa lingua, pensando que vascos e galegos temos moitas cousas en común e unha delas é a loita polas nosas linguas, linguas minorizadas que debemos coidar para non perder a nosa identidade.
Con respecto ao mundo poético discrepa daqueles que tratan de enxebres aos que falan da natureza, do campo, porque pensa que hai unha dicotomía entre a modernidade e o enxebrismo, ou o costumismo que ela non ve mal, pois trata sobre a relación do home e a muller coa natureza, pero hoxe o que prima na nova poesía é o feminismo, que malia a estar de acordo con el, non quere desbotar ese costumismo porque forma parte de nós. Di que para valorar aos poetas non hai que ter en conta nin a idade nin o xénero. É unha namorada de Rosalía porque denuncia as inxustizas sociais, por iso gusta dos estudos de María Pilar García Negro, que nos seus ensaios sobre Follas novas danos outra idea de Rosalía non tan negra, porque pensa que hai que fuxir deses tópicos.
Para ela a súa poesía parte da sinxeleza, porque quere que todos entendamos o que quere dicir e procura documentala introducindo nos seus poemas citas doutros escritores, a modo de guieiro, para, ao mesmo tempo que a leemos a ela, levarnos a esoutros autores que van en consonancia co poema, e pensa que o abano da literatura galega non está completo si non se ten en conta a literatura que se fai na diáspora, porque o mero feito de estar fora crea unha serie de solape que dá frescura e aporta algo esencial á literatura galega.
O primeiro premio literario que acadou foi o de poesía da Agrupación de Hijos de Galicia de Sestao; despois o primeiro premio de poesía en galego no XV Certame “Anduriña Voandeira”, convocado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi; XIX Premio de Poesía en Galego Poeta Azul de Ferrol “Xosé María Pérez Parallé”; segundo premio no XL Certame Literario do Concello de Vilalba (Agosto, 2015), co libro Cinza de estrelas, editado por Alvarellos e presentado en Vilalba, e o segundo premio no V Certame de Cartas de Amor de Leioa (Bizkaia), entre outros accésits e recoñecementos
O de Isabel é un caso moi parecido ao do poeta obreiro, Manuel Rodríguez López, que emigrou a Barcelona aos seis anos de idade e do poeta galego e revolucionario cubano Manuel Álvarez Fuentes, fillo dun emigrante que chegou de polisón nun barco á Habana escapando da guerra de Marrocos con so dezasete anos e dunha filla de galegos emigrados na illa antillana: Un home que presume de ter dúas patrias e dúas bandeiras, que sen xamais pisar o chan galego nunca renegou do seu sangue arteixán e galego... un verdadeiro exemplo de patriotismo e de sentimento, como ben dixo o profesor Carlos Loureiro Rodríguez.
Estes tres poetas non se parecen polo contido ou composición das súas obras, senón por haber emigrado sendo uns neniños ou nacer na emigración -como o cubano-, en que aprenderon o galego oíndollelo a seus pais para facer a súa obra poética na nosa lingua e polo seu exemplo de amor a Galiza.