María José Gómez reafirmou en Vilalba a aposta do Goberno galego polo sector forestal

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que, dentro do impulso ao sector forestal galego, a Xunta traballa para compatibilizar a produción de madeira de calidade co fomento da biodiversidade do monte. Foi nunha visita a Maderas Gayoso, empresa situada en Vilalba, e na que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
A conselleira fixo fincapé na posta en valor das formacións de frondosas autóctonas, tales como os castiñeiros, coa finalidade de que sirvan de referencia para outras masas, asegurando a súa persistencia e a súa multifuncionalidade. Neste contexto, Gómez salientou os traballos de restauración de soutos tradicionais, nun total de 350 hectáreas en varios concellos de Lugo e Ourense; tamén, o fomento das frondosas mediante liñas de axudas ou a posta en marcha do rexistro específico destas masas, que xa conta con 59 en total, que abranguen unhas 4.600 hectáreas.
Do mesmo modo, a conselleira subliñou as tarefas de selección de materiais forestais de reprodución para contar con sementes de alta calidade xenética e os ensaios de plantación en alta densidade duns 3.000 pés por hectárea de carballos, en mestura con pradairos e bidueiro.
Gómez enmarcou todas estas actuacións no Plan Forestal de Galicia e máis especificamente na Estratexia para o fomento activo das masas de frondosas e sinalou que se seguirá traballando no fomento da produción de madeira de alta calidade, para poñer a disposición do mercado esa materia prima. Todo isto, prestando especial atención ao incremento do uso da madeira estrutural na construción e potenciando tanto os beneficios para os propietarios como unha mellora da economía verde.
Nesta visita, a conselleira remarcou a ampla tradición e dinamismo de Maderas Gayoso, empresa creada en 1980 e que desenvolve a súa actividade en toda a cadea de valor da madeira. Fixo, ademais, especial énfase no recoñecemento ao papel da súa xerente, Mari Carmen Gayoso, que no 2023 se converteu na primeira muller en presidir a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera).