María José Gómez visitou unha explotación de Abadín para presentar as axudas de relevo xeneracional

TerraChaXa
Medio Rural publica as resolucións por valor de preto de 54 M€ coas que se incorporarán 475 persoas mozas ao agro e se mellorarán explotacións
maria-jose-vazquez-explotacion-abadin
27 Nov 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as tres resolucións das axudas para a incorporación de mozos, os plans de mellora asociados e maquinaria eficiente. Con tal motivo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou a explotación O Veliño SC, situada en Abadín e que conta cun mozo incorporado ao abeiro destas achegas.

A conselleira definiu estas axudas como imprescindibles para seguir apostando pola remuda xeracional no sector agrogandeiro, como é o caso de David Souto, titular da explotación. Neste sentido, o mozo gandeiro sinalou que o que lle motivou a incorporarse (no ano 2024) foi, precisamente, a aprobación da axuda, por importe de 40.000 euros. “Non me daba decidido a incorporarme, porque había que facer un investimento moi grande, pero veume aprobada a axuda e foi o que me decidiu a facer isto”, engadiu, advertindo que “se non fóra a axuda non sei se me incorporaría”.

Nesta visita estivo ademais presente Jesús Rico, de 20 anos, outro mozo de Abadín, que é beneficiario dunha axuda de 40.000 euros este ano para a súa incorporación. A conselleira remarcou que a formación é clave para que a mocidade se incorpore con garantías ao agro, algo que nestes momentos está a levar a cabo este mozo.

As resolucións publicadas hoxe no DOG supoñen a mobilización, en conxunto, preto de 54 millóns de euros para apoiar a incorporación de persoas mozas ao agro, para a mellora de explotacións e para adquisición de maquinaria eficiente, é dicir, de baixo consumo e de agricultura de precisión.

En total son 475 persoas mozas as que recibiron estas subvencións. Unhas achegas que, segundo destacou a conselleira, permiten ademais aos mozos “ter unha maior calidade de vida”. Cabe salientar, a maiores, que máis do 42 % das beneficiarias son mulleres, o que indica que se segue avanzando por unha maior igualdade dentro deste eido produtivo.

No relativo aos plans de mellora de explotacións asociados a estas incorporacións, aprobáronse un total de 251 solicitudes. A maiores, na resolución tamén están reflectidas as achegas para a adquisición de maquinaria de baixo consumo e agricultura de precisión, que se enmarcaron dentro do paquete de apoio ao sector primario diante das consecuencias da guerra en Oriente Medio. Neste caso, foron 136 as solicitudes aprobadas.

0.14537191390991