Marisol Morandeira abre o XVII Encuentro de Villas Termales

TerraChaXa
A rexedora destacou no acto inaugural que este evento “permitirá coñecer a xestión que se leva a cabo noutras vilas termais e intercambiar experiencias positivas”
inauguracion-encontro-vilas-termales-guitiriz
Un momento da inauguración do encontro
14 Xuño 2024

A alcaldesa de Guitiriz foi a encargada de inaugurar hoxe, venres 14 de xuño, o XVII Encuentro de Villas Termales da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), organizado en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo.

No acto, no que tamén interviñeron o presidente da Deputación de Ourense e Presidente da Red de Villas Termales, Luis Menor; e a asesora do Gabinete da Secretaría de Estado de Turismo en representación da SETUR, María Velasco, a rexedora deu a benvida ás persoas asistentes, chegadas de diferentes puntos do país, e destacou a “oportunidade única” que supón para Guitiriz acoller este encontro.

“Creo firmemente que este evento representa unha oportunidade única para coñecer a xestión que se leva a cabo noutras vilas termais e intercambiar experiencias positivas que nos permitan mellorar a nosa relación co termalismo, abrindo novos camiños”, salientou.

Ademais, explicou que “será moi importante en para a nosa localidade, en todos os sentidos. Ademais de contribuír a seguir poñendo en valor a Guitiriz como vila termal e ao noso balneario como unha referencia en Galicia, permitirá dinamizar todo o tecido económico e comercial guitiricense, que se beneficiará dos visitantes que asistirán durante estes tres días.

“É un momento perfecto para volver a ser sede deste Encontro xa que o Iberik Gran Balneario de Guitiriz, un espazo emblemático con máis dun século de historia e símbolo do termalismo na nosa vila, reabriu as súas portas no ano 2023 tras varios anos pechado. Na súa curta traxectoria desde a reapertura, este balneario volveuse erixir como un dos principais motores do desenvolvemento económico do noso municipio, creando postos de traballo e converténdose nun atractivo turístico máis, como puidestes comprobar”, indicou.

Encontro termal e Asemblea Constitutiva

A Asemblea Constitutiva e o XVII Encuentro de Villas Termales volve a Guitiriz despois da edición celebrada no ano 2006 e faino con tres xornadas nas que, representantes locais de municipios termais, así como outros profesionais do sector, compartirán espazos de traballo e reflexión orientados a establecer as liñas da nova lexislatura, potenciando e dinamizando a marca Villas Termales e as experiencias dispoñibles nestas entidades locais.

Ao longo da asemblea e do encontro cobrará especial relevancia a evolución dos traballos do convenio subscrito entre esta sección e a Setur no marco do Programa Experiencias Turismo de España, financiado con Fondos Next Generation.
A Asemblea Constitutiva celebrarase o sábado 15 de xuño, onde se aprobarán as actividades para os próximos meses e a composición do novo Consello de Goberno da rede.

0.19434285163879