Marta Rouco acusa á Xunta de "castigar" un ano máis aos veciños de Vilalba nos Orzamentos

TerraChaXa
“Desde 2019 a 2027, son oito anos consecutivos nos que Vilalba non existe para o goberno galego”, lamenta a alcaldesa
marta-rouco-alcaldesa-de-vilalba
20 Oct 2026

Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, considera “un feito moi grave” que a Xunta de Galicia “non inclúa nos Orzamentos para o ano 2027 nin un só euro en investimentos reais para o noso concello”.
“Durante oito anos, desde 2019 a 2027, as contas da Xunta, que son as contas públicas de todos os galegos e galegas, ignoran por completo a Vilalba”, lamenta Rouco.

A alcaldesa engade que “é indignante escoitar a Alfonso Villares falar da clara aposta da Xunta de Galicia pola provincia de Lugo, cando sabe moi ben que os orzamentos ignoran premeditadamente ao cuarto concello por habitantes”.

“A Xunta de Galicia é titular dunha estación de autobuses de Vilalba que está nun estado deplorable, nunha situación indigna para os nosos veciños, pero un ano máis non figura entre os centos de proxectos por toda Galicia que recollen os Orzamentos autonómicos”, asegura a alcaldesa.

“Vilalba tampouco merece, a criterio da Xunta, unha residencia pública de maiores, nin melloras no seu centro de saúde, nin investimentos de ningún tipo nas infraestruturas que ten a Xunta no noso concello”, engade.

Marta Rouco ten solicitadas diferentes reunións co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e varios conselleiros para desatascar os proxectos pendentes, “pero nin sequera contestan”.

“É unha forma de facer política ruín, partidista e inxusta para os veciños e veciñas de Vilalba, que pagan os seus impostos como o resto dos galegos e son completamente ignorados pola Xunta de Galicia”, remata a alcaldesa.

0.1617259979248