Marta Rouco pide á nova directora de Mobilidade unha solución urxente para a estación de autobuses

TerraChaXa
Solicitoulle por escrito unha reunión “coa maior brevidade posible” a Judit Fontela
estacion-autobuses-vilalba
Estación de autobuses de Vilalba
25 Maio 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, pídelle á nova directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, que inclúa “unha solución para a nosa estación de autobuses na súa axenda de prioridades a curto prazo”.

“É un asunto de grande trascendencia para Vilalba, un concello cabeceira de comarca cunha situación xeográfica que fai necesaria contar cunha estación en condicións, xa que é un lugar de paso, chegada e saída para numerosos viaxeiros”, sostén Marta Rouco.

Por estes motivos, solicitoulle por escrito unha reunión “coa maior brevidade posible” a Judit Fontela, que tomou posesión como nova directora Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

“Tivemos un encontro hai xa seis meses, en novembro, no que a Xunta plantexou unha alternativa coa que non estamos dacordo, pero o tema está paralizado desde entón, unha situación que non merecen os nosos veciños e veciñas, e ademais cambiaron tanto a conselleira como o director xeral de Mobilidade”, engade.

Desde o Concello de Vilalba envíase cada semana unha solicitude de reunión, a de onte xa coa nova directora xeral.

A alcaldesa de Vilalba pide unha renovación integral da estación de autobuses e, mentres tanto, “os usuarios necesitan contar cuns servizos mínimos nas instalacións”.

Por último, Rouco lembra a recente Estratexia Galega de Mobilidade, presentada por Rueda este mesmo mes e que estará dotada de 420 millóns de euros para impulsar o transporte público en toda a comunidade autónoma.

0.15939617156982