Marta Rouco reclama a Rueda que anuncie 100 millóns de euros para a provincia "e que ignore a Vilalba"

TerraChaXa
“A Xunta de Galicia ten completamente abandonada a estación de autobuses, por falar do tema pendente máis chamativo”, asevera
marta-rouco-alcaldesa-vilalba-toma-de-posesion6
13 May 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, considera “unha broma de mal gusto e unha falta de respecto aos nosos veciños e veciñas” que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vaia a Lugo “a anunciar 100 millóns de euros de investimentos na provincia e ignore por completo á capital da Terra Chá”.

“Os orzamentos da Xunta recollen cero euros de investimentos reais en Vilalba desde o ano 2019”, lamenta a alcaldesa, “e Alfonso Rueda só se lembra dos nosos veciños e veciñas nas eleccións para pedirlles o voto”.

“A Xunta de Galicia ten completamente abandonada a estación de autobuses de Vilalba, por falar do tema pendente máis chamativo”, asevera Rouco, “e todos os días recibimos queixas dos veciños polas carencias do centro de saúde”.

“Non hai investimentos nas infraestruturas de Vilalba de titularidade autonómica, nin partidas ás que temos dereito polo canon da auga incluído no recibo, nin novidades sobre o cumprimento do convenio asinado hai xa 20 anos para que a Xunta cedera ao concello tres travesías urbanas… nada”, engade a alcaldesa.

Por outra parte, o concello recuperou recentemente nos xulgados os 162.000 euros, máis 20.000 de intereses, que a Xunta de Galicia tería que ter aboado fai case catro anos polo Fondo de Compensación Ambiental, correspondentes ás obras de renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes.

“Non é xusto escoitar ao presidente da Xunta falar de compromiso coa provincia de Lugo, é unha forma de entender a política completamente partidista, pero xa dixen noutras ocasións que desta forma non castigan a un goberno local progresista, castigan aos veciños e as veciñas de Vilalba”, sostén Rouco.

“E mentres, no concello temos cada vez máis competencias impropias, asumindo gastos que lle corresponden á Xunta no Servizo de Axuda no Fogar, en conserxería e limpeza dos centros educativos, ou na xestión do comedor da escola infantil municipal, por exemplo”, remata a alcaldesa.

⚙ Configurar cookies
0.16322016716003