Matodoso acollerá un obradoiro sobre saúde e fortalecemento do solo pélvico dirixido á veciñanza

LugoXa | TerraChaXa
A actividade desenvolverase entre as 16:30 e as 20:00 horas e estará aberta á poboación en xeral
obradoiro-matodoso
29 May 2026

O Centro Cívico do Matodoso, no Concello de Castro de Rei, será escenario o vindeiro 4 de xuño dun obradoiro centrado na saúde e coidado do solo pélvico, unha iniciativa promovida polo servizo de prevención de condutas adictivas da agrupación de concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade.

A actividade desenvolverase entre as 16:30 e as 20:00 horas e estará aberta á poboación en xeral. A formación será impartida por Cristina Ouro Núñez, matrona do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), quen abordará diferentes aspectos relacionados coa prevención, coñecemento e tratamento das alteracións do solo pélvico, especialmente no ámbito da saúde feminina.

Entre os principais obxectivos do obradoiro figura mellorar a información e a comprensión sobre os cambios evolutivos da muller, así como contribuír á prevención de enfermidades vinculadas ao solo pélvico. Durante a sesión trataranse cuestións como a anatomía e función desta musculatura, as consecuencias do embarazo e do parto, as patoloxías asociadas, a influencia do exercicio físico ou os hábitos saudables para evitar problemas derivados da debilidade muscular ou do estreñemento crónico.

O programa incluirá tamén explicacións prácticas para recoñecer a musculatura do solo pélvico, técnicas de tratamento e unha sesión práctica final orientada ás persoas participantes.

As inscricións permanecerán abertas ata o 31 de maio e poderán realizarse a través da web da Escola Galega de Saúde, mediante correo electrónico ao servizo de prevención de drogas de Rábade, a través deste formulario ou chamando ao teléfono 982 390 062.

0.11796689033508