Medio Rural avanza na reestruturacion parcelaria de San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, fixo hoxe entrega dos boletíns das bases de reestruturación parcelaria de San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei, aos propietarios dos terreos que abarca a actuación. Cómpre lembrar que as bases están expostas ao público tanto no Concello de Outeiro de Rei como na páxina web da Consellería de Medio Rural.
Ademais do reparto dos boletíns individuais da propiedade, que conteñen o resumo dos datos relativos a cada titular e as súas achegas, con determinación de superficies e clasificacións, informouse ao veciños sobre os prazos e materias de recurso susceptibles de seren recorridas en alzada, de ser o caso, así como doutras cuestións de interese.
O proxecto de desenvolvemento desta parcelaria, iniciado no ano 2021, comprende un total de 1.749 parcelas, correspondentes a 234 propietarios, e abrangue unha superficie total de 1.120 hectáreas. Así, a directora xeral sinalou a importancia deste tipo de instrumentos para paliar o minifundismo existente na comunidade, así como incrementar o valor das terras e a base territorial das explotacións ao tempo que se evita o seu abandono.
Neste contexto, cómpre salientar que desde o ano 2020, a Consellería de Medio Rural rematou un total de 40 concentracións parcelarias que beneficiaron a máis de 21.000 propietarios e mobilizaron unha superficie de preto de 30.000 hectáreas. Ao mesmo tempo, desde o 2021 decretáronse 33 novas parcelarias, cunha superficie mobilizada de máis de 29.000 hectáreas.
Así, de aquí en diante o compromiso do Goberno galego pasa por entregar 25 parcelarias antes de 2028. Para sustentar esta folla de ruta, o Goberno Galego ten previsto iniciar ao longo deste ano os trámites para decretar 7 novas reestruturacións.