Medio Rural convoca axudas para "garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias"

TerraChaXa
O
2 Nov 2017

O DOG publica a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias.
Así, a consellería de Medio Rural convoca para o ano 2017 estas axudas, en réxime de minimis, destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras naquelas zonas afectadas por unha declaración de seca na zona xeográfica en que están asentadas como é o caso da demarcación da bacía hidrográfica do Miño-Sil. Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras destas zonas quedando excluídos os titulares de explotacións de autoconsumo ou sen actividade comercial.
Serán subvencionables novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga. Tamén os equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles. E, en xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias.
En calquera caso, o importe da axuda será do 50 % dos custos subvencionables. E o importe máximo da subvención por beneficiario non superará os 5.000 euros. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

0.10484313964844