Medio Rural da Deputación impulsa o traballo dos asesores rurales pola PAC

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A área dirixida por Mónica Freire achegará 5.000 euros á Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que promove a formación contínua.
gandeiría vacas monte
5 Mar 2022

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo apoiará a actividade da Asociación de Asesores Rurais de Galicia cunha achega de 5.000 euros.

A deputada Mónica Freire, que manifestou o apoio á entidade desde a súa creación, concretou que “con esta colaboración queremos contribuír a consolidar a estrutura e a actividade da Asociación de Asesores Rurais que se constituíu o pasado setembro en Lugo e que xerou un gran interese neste ámbito profesional, integrando máis de 40 persoas de toda Galicia, a maioría deles da provincia, nestes primeiros meses”.

“Desde a área de Medio Rural comprobamos día a día, no contacto coas persoas que traballan no sector primario, a importancia que estas e estes profesionais de entidades de aconsellamento agrario, asesorías, cooperativas e oficinas de extensión agraria teñen á hora de facilitar a relación entre as administracións e o sector e na orientación das ganderías e das produción agrarias a modelos sostibles e adaptados ao territorio. Esta colaboración económica coa asociación é, sobre todo, un recoñecemento e un apoio á súa labor”, indicou a responsábel provincial.

Mónica Freire subliñou “a importancia que estes perfís profesionais teñen na provincia de Lugo, polo peso territorial e económico do sector primario e porque moitas das profesionais saen das titulacións que temos no Campus Terra” e incidiu na “vital relevancia que a figura do asesor rural acadará no vindeiro período da política agraria común, xa que ocupa un papel central na aplicación das políticas de desenvolvemento rural, a través da metodoloxía AKIS: sistemas de coñecemento e innovación agrícolas”, concluíu.

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia, con sede na Escola Politécnica de Enxeñaría (EPS) do Campus Terra, ten entre os seus obxectivos a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos profesionais da asesoría rural, promover a súa formación contínua e permanente en colaboración coas universidades ou participar en consellos, comisións e órganos consultivos das administracións, así como noutros foros nos que se aborden materias relacionadas co desenvolvemento rural.

0.18352198600769