Medio Rural destina aos concellos axudas dentro do Plan Marco de Camiños

TerraChaXa
Neste vindeiro ano a Consellería do Medio Rural concederá axudas aos concellos de Galicia a través do Plan marco de camiños municipais 2019-2020.
7 Xan 2019

Neste vindeiro ano a Consellería do Medio Rural concederá axudas aos concellos de Galicia a través do Plan marco de camiños municipais 2019-2020. Para iso, achegará case 16 millóns de euros de fondos propios que se xestionarán a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), distribuídos en dúas anualidades de case 8 millóns de euros cada unha.

O obxectivo que se quere alcanzar con este plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e outras infraestruturas. Estes camiños permiten o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas cales se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións rurais (desde o leite ata a artesanía) que precisan os negocios desta contorna. Por iso, querese facilitar con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, o peso do agro no municipio e o grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

A finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o  reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

0.18281102180481