Medio Rural fixa entre xullo e setembro o período de máximo risco de incendios forestais

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Durante estes tres meses activaranse ao máximo os recursos de vixilancia, prevención e extinción, adaptando o despregamento dos medios dispoñibles aos niveis de risco que se rexistren en cada momento
incedio-forestal
11 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural estableceu oficialmente entre o 1 de xullo e o 30 de setembro o período de alto risco de incendios forestais en Galicia para este ano 2026, mantendo así o calendario habitual das últimas campañas. A medida aparece recollida nunha orde publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Durante estes tres meses activaranse ao máximo os recursos de vixilancia, prevención e extinción, adaptando o despregamento dos medios dispoñibles aos niveis de risco que se rexistren en cada momento. Ademais, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) contempla a posibilidade de ampliar este período ao mes de outubro se as condicións meteorolóxicas e forestais así o aconsellan.

A orde, asinada pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, habilita tamén ao director xeral de Defensa do Monte para declarar outras épocas do ano como de alto risco en caso de que a situación o requira.

O Pladiga 2026 fixa como referencia evitar que a superficie queimada supere as 29.207 hectáreas ao longo do ano. Esta cifra é superior á establecida na planificación de 2025, cando o obxectivo se situaba en algo máis de 18.500 hectáreas. O cálculo baséase na media rexistrada durante a última década, marcada ademais polo impacto da campaña pasada, na que arderon máis de 118.700 hectáreas en toda Galicia.

Outra das novidades do plan é o incremento das parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), que pasan de 26 a 35. A maior parte concéntranse na provincia de Ourense, con 26 parroquias incluídas nesta clasificación, mentres que Pontevedra suma cinco e A Coruña catro. Lugo continúa sen contar con ningunha parroquia considerada de alta actividade incendiaria.

Para afrontar a campaña estival, a Xunta reforzará os medios humanos e materiais destinados á loita contra o lume. Entre as principais incorporacións destacan 42 novas brigadas da empresa pública Seaga durante o período de máximo risco, o que supón sumar 168 efectivos ao operativo. En total, a Administración autonómica estima que poderá mobilizar arredor de 7.000 profesionais en caso de necesidade.

Tamén se ampliará a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada na coordinación de grandes incendios forestais, que pasará de contar con seis expertos a un equipo formado por 15 profesionais.

No apartado dos medios aéreos, a campaña incorpora catro novos recursos: dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. Con estas incorporacións, a Xunta disporá de 24 aeronaves propias para a loita contra os incendios, ás que se sumarán entre nove e dez medios aéreos dependentes da Administración do Estado.

Co reforzo dos recursos e a activación do dispositivo especial para os meses de verán, a Xunta afronta unha campaña que estará marcada pola prevención e pola capacidade de resposta ante un escenario no que as condicións meteorolóxicas seguen sendo un dos principais factores de risco para o monte galego.

0.12739300727844