Medio rural formou a máis de 64.300 persoas en materia agrícola e gandeira na última década

TerraChaXa | AMariñaXa
Na última década a Xunta formou a máis de 64.
9 Xul 2019

Na última década a Xunta formou a máis de 64.300 persoas en materia agrícola e gandeira nos distintos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) que ten a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Estes datos valoráronse durante a visita do conselleiro do Medio Rural, José González, ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias, en Ribadeo, con motivo da presentación do novo ciclo medio de Formación Profesional de Agroecoloxía. 
Alí, José González sinalou que esta nova oferta formativa, de 2.000 horas lectivas, impartirase desde o próximo curso no CFEA Pedro Murias de Ribadeo, en modalidade ordinaria e durante dous anos. Ademais, tamén se ofertará no centro de Sergude (no concello de Boqueixón), en oferta modular polo réxime de persoas adultas e que chegará a tres anos, a petición do propio sector. Este último caso vai enfocado a persoas que xa están integradas no mundo laboral, de tal forma que se lles facilita o acceso a este título completo ou, simplemente a parte das materias (módulos), co que disporán de diplomas acreditativos habilitantes.
Respecto á saída laboral, o titular de Medio Rural explicou este ciclo permitirá ás persoas que o cursen, incrementar as súas posibilidades de emprego traballando en todos os ámbitos da produción ecolóxica. Así, poderán traballar nos eidos hortícola, frutícola, gandeiro, de planta e xardinaría, etc. Máis en concreto, os estudantes poderán desempeñar ocupacións en ecolóxico como agricultor, criador de gando, avicultor e apicultor, produtor de leite e ovos, viveirista, entre outros. É dicir, unha gran oferta coa que, segundo indicou José González, a consellería aposta polo emprego cualificado e ben valorado no rural e contribuír cunha Galicia verde e sostible.
Neste senso, o titular de Medio Rural avanzou que, en colaboración co Craega, vanse a celebrar varias xornadas informativas para dar traslado a todos aqueles interesados e a profesionais da agricultura ecolóxica do contido dos diferentes cursos, así como as saídas laborais que poidan ter.   
Durante a súa intervención, o conselleiro quixo facer balance do traballo feito e indicou que ao longo destes dez últimos anos uns 1.220 alumnos cursaron ciclos formativos de grao medio e superior de Medio Rural, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así, en materia agrícola e gandeira, o grao máis demandado foi o de Aproveitamento e conservación do medio natural, con 318 alumnos inscritos nesta última década. Este grao medio impártese nos centros de Sergude (concello de Boqueixón), no de Becerreá e no de Lourizán, situado no concello de Pontevedra. Ante estas cifras, o conselleiro valorou a cualificación do sector primario galego e declarou que “Galicia ten na mocidade, na innovación e na economía verde o seu camiño de futuro”. 
Por detrás do mencionado ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural, o ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural é o máis demandado, con 313 estudantes inscritos neste período. Este grao impártese nos centros de Becerreá e no de Lourizán. O conselleiro tamén explicou que ten unha gran acollida polos mozos o ciclo superior de Paisaxismo e medio natural que se imparte no CFEA de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo, con 178 alumnos matriculados. 
Así mesmo a oferta complétase cos ciclos medios de xardinaría e floraría, con 168 alumnos inscritos nesta última década; co de produción agropecuaria, con 109 estudantes; e co de aceite de oliva e viños, con 47 alumnos, entre outros. A maiores, e desde o ano 2016, impártese tamén no centro de Sergude o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal, que xa contou coa participación de 70 mozos. 
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural tamén ofrece formación continua ao persoal do sector agrogandeiro. Esta ensinanza realízase mediante cursos de fitosanitarios, de benestar animal e de incorporación á empresa agraria, entre outros. Así, dende 2009 impartíronse un total de 2.881 cursos que contaron coa participación de 63.102 persoas. O curso máis demandado nos últimos tres anos foi o de incorporación á empresa agraria, con máis de 8.600 persoas inscritas. 

0.15714693069458