Medio Rural pón en valor en Castro de Rei a contribución das comunidades de montes para favorecer a xestión forestal

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural, Luisa Piñeiro, puxo en valor a contribución das comunidades de montes á xestión forestal na súa visita ao concello lucense de Castro de Rei, onde se están a realizar labores de repoboación en 9,47 hectáreas de dous montes veciñais en man común (MVMC) pertencentes á Reserva da Biosfera Terras do Miño.
No caso do MVMC de Rodela, Gándara de Castro e Granda de Abilleira, na parroquia de Loentia, repoboarase con Pinus Radiata unha superficie de actuación de 6,07 hectáreas. Por outra parte, os labores de repoboación propostos no MVMC de Rodela e Touzán, Gándara de Castro, na parroquia do Salvador de Ansemar, plantarase a especie Pinus taeda nunha superficie de 3,4 hectáreas.
Tal e como explicou a directora xeral, esta actuación, certificada polo Programa para o Recoñecemento da Certificación Forestal (PEFC), foi posible grazas ás cotas de reinvestimento dos ingresos xerados no monte para a mellora, protección e xestión do mesmo, unha esixencia legal que serve para garantir que o monte se conserve, se xestione de forma sostible e estea protexido.
Cómpre lembrar que o Goberno galego está a traballar na loita contra a banda marrón do piñeiro, un compromiso que tamén se materializa co apoio a particulares afectados. Medio Rural está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade.