Medre a cultura!
Por Martiño Maseda
Comezo a miña primeira colaboración neste xornal celebrando, e sen que semelle unha actitude egocéntrica, os meus vinte anos de manifestación pública como escritor ao acadar o primeiro premio literario nun certame de narrativa. Obviamente, sempre me sentín escritor, xa dende neno, mais, se cadra, certo pudor freou o meu desexo de comunicar a esencia dos meus escritos. Será por iso que, nalgunha entrevista, cheguei a definirme coma un escritor tardego. De calquera xeito, dúas décadas despois desa primeira mostra pública da miña escrita, sigo co mesmo entusiasmo do principio, ou incluso incrementado. Entusiasmo que deixo saír para contaxio de todas aquelas persoas que desexen mergullarse nos seus efectos. Porque, a miúdo, tamén afirmo que cada persoa leva dentro de si un poeta e/ou un escritor que vai recitando ou escribindo o paso da vida segundo o que experimenta nese tránsito existencial. E, ás veces, sentimos a necesidade de comunicar ou facer partícipes aos demais dese modo de interpretar a vida, ben por medio da linguaxe poética, ben por medio da linguaxe narrativa, ben por calquera outro tipo de linguaxe artística. Aínda que tamén precisamos que nos faciliten un pouco o camiño desa comunicación. É aquí cando nacen todos estes movementos culturais que, xuntando diversidade de voces artísticas, tentan xustamente facer cultura. Ou algo así pensei eu cando a finais do 2016 decidín crear unha weblog chamada Culturalia GZ: ofrecer unha canle de expresión da Cultura Plural para a Colectividade. E o mesmo coido que cavilaron os veciños das terras de Guitiriz cando bautizaron ese movemento poético da NPG Nova Poesía Guitirica. Ou nas terras de Betanzos coas Voces Poéticas do Mandeo. E non vou seguir nomeando, porque é moi posíbel que esquecese a alguén, e non desexo cometer tal erro.
Estas agrupacións culturais, que van xurdindo e medrando pola Chaira ou fóra dos seus límites xeográficos, forman outro elo desa gran cadea na que xa van inseridas outras cunha traxectoria consolidada, como pode ser Xermolos, Irmandade Manuel María da Terra Chá, etc. E tanto nestas que están agromando coma naquelas que xa teñen raíces vizosas, o desexo de facer Matria a través da cultura é un propósito irrenunciábel. Matria coas palabras e cos afectos.
Aínda que, coma en calquera proxecto ou iniciativa que se pon en funcionamento, aparecen eivas no camiño que fan difícil a andaina: ausencia ou falta de implicación das institucións públicas para levar a cabo a realización de actos, en moitos casos por culpa dun afán destas últimas de ocupar unha posición de protagonistas, que, talvez, non lles corresponda. E iso repercute negativamente no resultado final, que é o de ofrecer cultura para a cidadanía. Se ben, engadiría como outro defecto para que estes movementos culturais teñan éxito a colaboración da propia cidadanía, sexa participando nas actividades que se lle propoña, sexa ofrecendo o agarimo da súa presenza durante a celebración das mesmas. Tanto unha eiva coma outra son de doada solución, só hai que ter a vontade de querer dar o paso, e pensar que a cultura, aínda que sexa de balde (e sobre ese concepto de balde asociado ao fenómeno cultural -que me resulta obsceno- xa falarei noutro artigo), permite e axuda a que nos sintamos realmente libres, non só polo feito de comunicar aquela esencia nosa, á que me refería ao principio deste escrito, senón pola oportunidade de interactuar e partillar emocións xermoladas do proceso artístico no que desexemos participar, como espectadores ou como actores.