Meira acolle este sábado un 'escape room' ao aire libre dentro do ciclo Xogal

O sábado 4 de xullo, ás 11:00 horas, a vila de Meira convértese nun gran taboleiro de xogo ao aire libre coa chegada de XOGAL 2026. Baixo o título A Procura das Reliquias do Císter, o percorrido arranca na Praza do Concello e desprega un escape room gratuíto que combina patrimonio, lendas e enigmas no entorno do histórico mosteiro cisterciense.
A xornada inclúe premios para os equipos máis rápidos, sorteos de dúas cestas de produtos típicos da comarca entre todas as persoas participantes e un aperitivo de peche para celebrar a experiencia. A actividade está aberta a público de todas as idades e está pensada para gozala en familia, en parella ou con amizades.
A experiencia desenvólvese a través do navegador do móbil, sen necesidade de descargar ningunha aplicación. Cada equipo só precisa un teléfono con batería, conexión a internet e calzado cómodo para percorrer a vila. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse en escapeo.com/xogal.
Meira é a sexta cita dun percorrido que entre xuño e setembro pasa por dez concellos galegos: Cervo, Lourenzá, Guitiriz, Negueira de Muñiz, Monterroso, Meira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Taboada e Foz. Cada cita conta cunha aventura propia, deseñada a partir da historia, o patrimonio e as lendas de cada vila. O proxecto está impulsado polos GDR Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla en colaboración coa empresa galega Escapeo.