Meira acollerá a nova sede integral da Rede de Oficinas Rurais

TerraChaXa
A BUO, cunha superficie duns 500 metros cadrados, facilitará a conciliación entre traballo e descanso dunha quincena de traballadores
nova-ofician-rural-en-meira
20 sep 2024

A Consellería do Medio Rural segue a ampliar a súa rede de oficinas rurais e bases de unidades operativas (BUO) coa reforma dun local no concello lucense de Meira, co obxectivo de destinalo a estes fins. A conselleira, María José Gómez, visitou hoxe as obras, que se acaban de iniciar, acompañada do secretario xeral técnico da Consellería, Jorge Atán.

Trátase dun espazo completamente novo con respecto ao actual, coa finalidade de agrupar os servizos agrarios, veterinarios, administrativos e forestais nunha única sede, facilitando así as xestións á cidadanía. As actuacións consisten na rehabilitación da planta baixa dun edificio de vivendas e contan cun orzamento de algo máis de 1 millón de euros.

A reforma permitirá, tal e como destacou a titular de Medio Rural, que a Oficina Rural, duns 200 metros cadrados, albergue uns 14 postos de traballo, divididos entre técnicos agrarios, veterinarios e persoal do Distrito Forestal. Así, as instalacións estarán dotadas de varios despachos, aseos, vestiarios, unha sala de reunións ou un arquivo, entre outros.

As instalacións da BUO, cunha superficie duns 500 metros cadrados, facilitarán a conciliación entre descanso e traballo a preto dunha quincena de traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta que desenvolven a súa actividade nesta contorna. Neste sentido, estará dotada de aseos, duchas, despachos, zona de descanso e office.

Plan de mellora das infraestruturas agrarias e forestais

Este tipo de actuacións están enmarcadas dentro do Plan de infraestruturas da Consellería do Medio Rural do período 2021-2026, orzamentado cun total de 43 millóns, que contempla a modernización do despregue físico da Consellería na xeografía galega e que ten como fin último mellorar o servizo público que presta a Administración autonómica no rural.

O Plan recolle os labores de reforma, adaptación e mellora da rede de oficinas rurais, así como outras intervencións nas instalacións asociadas ao dispositivo de prevención e á administración forestal. Neste sentido, inclúense as BUO, as bases aéreas de prevención e defensa contra os incendios, o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén (Ourense) e a Unidade Loxística Central da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

0.19329690933228