Meira acollerá a presentación do libro 'Patrimonio lúdico galego' nunha xornada dedicada aos xogos tradicionais

TerraChaXa
Durante a xornada tamén haberá un obradoiro de construción de xoguetes tradicionais impartido por Manolo García
presentacion-do-libro-patrimonio-ludico-galego
14 May 2026

O Espazo Cultural O Centro de Meira acollerá este domingo 17 de maio, ás 12.00 horas, a presentación do libro Patrimonio lúdico galego. Investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais, unha obra centrada no estudo e posta en valor dos xogos populares de Galicia.

A actividade enmárcase dentro da programación Un día das Letras para Avelino e está organizada pola Asociación Cultural Avelino Díaz, contando coa colaboración de diferentes entidades culturais, clubs de bolos e colectivos vinculados á recuperación do patrimonio lúdico tradicional.

O acto contará coa participación de Noelia Darriba, de Xotramu-Muimenta; Anxo L. Eiriz, de Arcasco-A Órrea; Carlos Bermúdez, da Asociación Xogos Tradicionais de Santalla; e Toño Vidueiro, do Club de Bolos Cruceiro de Santa Marta de Meilán.

Durante a xornada tamén haberá un obradoiro de construción de xoguetes tradicionais impartido por Manolo García, do Museo O Recuncho das Argalladas de Lourenzá, así como unha práctica de xogos tradicionais a cargo de Xotramu.

Ademais, celebrarase unha intervención sobre o xogo e a infancia na obra de Avelino Díaz, promovida pola propia asociación cultural. A presentación do acto correrá a cargo de Mario Saavedra, do Club de Bolos O Cadaval de Pacios.

O encontro pretende converterse nun espazo de divulgación e intercambio arredor dos xogos tradicionais galegos, poñendo en valor a súa importancia como parte do patrimonio cultural e da memoria colectiva de Galicia.

0.12272596359253