Meira acollerá o 26 de setembro a XV Festa de Afirmación e Dignidade no Pedregal de Irimia

TerraChaXa
Os recoñecementos serán entregados á familia de Suso de Trigo e a Tareixa Ledo Regal
festa-da-dignidade-meira
14 Sep 2026

O Pedregal de Irimia, en Meira, acollerá o vindeiro 26 de setembro a XV Festa de Afirmación e Dignidade, unha xornada organizada pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a Asociación Cultural Xermolos, coa colaboración do Concello de Meira.

A programación comezará ás 12.00 horas cunha lectura participada en común do manifesto elaborado por Mero. A continuación, leranse os comunicados da Asociación Cultural Avelino Díaz, que reivindica ano tras ano para as Letras Galegas ao poeta meiriego; de ADEGA, Asociación de Defensa do Medio Natural Galego; e de Madia Leva, asociación de activismo cultural e defensa dos dereitos e liberdades humanas.

Posteriormente, Xermolos, reivindicando a cultura de base desde o rural e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, fará lectura dos méritos ao dar a coñecer as persoas premiadas coa «Man da Irmandade», obra de Manuel Pardo. Os recoñecementos serán entregados á familia de Suso de Trigo e a Tareixa Ledo Regal.

A xornada contará tamén con actuacións musicais e, posteriormente, celebrarase un xantar de irmandade na Casa Canoleiro, cun menú de 35 euros que incluirá xamón, empanada de Meira e pata de xato ao forno, ademais de sobremesa, bebidas e café.

As persoas que desexen participar no xantar deberán apuntarse con antelación, antes do mércores 23 de setembro. Para reservar é necesario chamar ao teléfono 646 413 890.

0.15486288070679