Meira amplía o programa Verán de Lecer con visitas guiadas e andainas culturais

TerraChaXa
O ciclo de visitas comezará o martes cun percorrido centrado na arquitectura modernista baixo o título 'As outras caras de Meira'
cemiterio-de-san-roque-meira
6 Jul 2026

O Concello de Meira volverá apostar este mes de xullo polo ciclo Verán de Lecer, unha iniciativa xa consolidada na programación estival da vila e que conta cunha ampla aceptación entre a veciñanza tras o éxito acadado nas edicións anteriores. A proposta regresa este ano cun programa reforzado que combinará música ao aire libre, visitas guiadas e andainas culturais para poñer en valor o patrimonio histórico, natural e etnográfico do municipio.

O programa de visitas e andainas guiadas desenvolverase entre semana. Todas as actividades terán como punto de saída e regreso a Oficina de Turismo ás 17.00 horas e requirirán inscrición previa. En caso de choiva, as saídas serán canceladas.

O ciclo de visitas comezará este martes, 7 de xullo, cun percorrido centrado na arquitectura modernista baixo o título As outras caras de Meira, unha proposta que permitirá descubrir elementos patrimoniais menos coñecidos da vila.

O xoves 16 de xullo celebrarase unha andaina guiada polas fontes de Meira. A ruta levará aos participantes ata a zona de Vilardemouros para coñecer tres fontes destacadas deste lugar e afondar na súa historia e tradición.

A programación continuará o martes 21 de xullo cunha visita ao cemiterio de San Roque a través da actividade Adeuses Eternos. Palabra e Memoria, unha iniciativa centrada na presenza da literatura galega nos ritos funerarios e que acadou un notable recoñecemento en distintos puntos de Galicia.

Por último, o xoves 30 de xullo desenvolverase unha nova andaina dedicada ás mámoas e aos fornos do cal, permitindo achegarse a elementos de gran valor histórico e etnográfico do territorio meirego.

Desde o Concello destacan que o obxectivo deste programa é ofrecer alternativas de lecer para todas as idades, fomentar o coñecemento do patrimonio local e dinamizar a vida social e cultural durante os meses de verán. A combinación de música, historia e natureza consolida así unha programación que cada ano reúne a numerosos veciños e visitantes e que se ten convertido nunha das citas máis agardadas do calendario estival de Meira.

0.12364983558655