Meira converterase na sede do Campionato de España de Inercia 2026 coa VI Baixada de Carrilanas

TerraChaXa
As inscricións abríronse hoxe a través da páxina web da Federación Española de Inercia e permanecerán dispoñibles ata o 7 de xuño
carrilanas-meira-2026
16 May 2026

A Asociación Os Meiregos anunciou que a VI Baixada de Carrilanas Vila de Meira será oficialmente sede do Campionato de España de Inercia 2026, un recoñecemento que sitúa á localidade lucense como epicentro estatal dos deportes de inercia.

O evento reunirá aos mellores pilotos do país nunha edición que tamén será puntuable para a Copa Galicia 2026 e para a Copa España 2026. A competición desenvolverase en formato rally, con dous tramos diferentes denominados Meira e Seixosmil, e contará con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría e para o scratch xeral.

As inscricións abríronse hoxe a través da páxina web da Federación Española de Inercia e permanecerán dispoñibles ata o 7 de xuño ás 23.59 horas. A organización informou ademais de que haberá seguro de día para os participantes.

A proba celebrarase o sábado 13 de xuño de 2026. A xornada comezará coas verificacións técnicas e administrativas entre as 09.00 e as 10.00 horas, seguidas do briefing de pilotos. Os adestramentos oficiais arrancarán ás 11.00 horas nos dous tramos previstos, dando paso ás mangas oficiais da mañá.

Despois dun pincheo para os participantes ás 14.30 horas, a competición retomará a actividade pola tarde cun segundo bloque de mangas oficiais que incluirá os tramos TC3 Meira, TC4 Seixosmil e TC5 Meira. A entrega de premios terá lugar no Paseo Central aproximadamente unha hora despois da chegada do último corredor.

A organización habilitará unha zona especial para os participantes con pavillón para acampada, duchas, baños e estacionamento para autocaravanas, dispoñible desde o venres ata o domingo.

Dende a Asociación Os Meiregos destacan que esta designación supón un importante recoñecemento ao traballo realizado durante os últimos anos para consolidar a Baixada de Carrilanas Vila de Meira como unha das citas de referencia do calendario estatal de inercia.

0.11500096321106