Continúan as actividades de verán en Meira, con diversas propostas
O Concello de Meira organiza diversas actividades do Verán de Lecer despois de acoller esta semana as Festas do Quince coa tradicional Xira Campestre no Porto da Pena e a Feira Quincenal en Meira.
Durante a semana seguinte, o mércores 21 haberá unha nova andaina e visita guiadas ao museo de Lito en Paraxes, saíndo ás 17.00 horas da Oficina de Turismo e cun percorrido de 5 km de dificultade sinxelo e para todos os públicos.
O venres 23 será a quenda do Concerto d'A Quenlla presentando o seu último traballo discográfico Na Lírca Emoción con poemas de Avelino Díaz, no que intervirán grupos musicais da contorna.
O domingo 25 será a XXXII Festa da Malla, Festa de interese turístico de Galicia, na que haberá música durante todo o día coa Banda de Acordeóns e Banda de Gaitas de Meira, Xacarandaina, Mestura de Nete, Cantigas e Frores, Os Melidaos e o Trío Muralla. O xantar farase na carpa da Praza Maior e os tiques poderanse mercar na caseta da Asociación Amigos da Malla de Meira (a carón da carpa). Haberá exposición de maquinaria antiga na praza do Concello e Feira de Artesanía na Praza do Convento. Pola noite, na verbena, haberá tamén Queimada.
O mércores 28 volverá haber Cine na Rúa coa proxección +Cuñados na Praza do Convento ás 21.15 horas e en caso de mal tempo, trasladarase á Casa da Cultura no mesmo horario.
O sábado 31 remata o mes con Música por e para Avelino Díaz, na véspera da Ruta Avelino Díaz, na Praza Maior ás 20.00 horas coa actuación de Arrincadeira Folk. Logo, haberá unha cea reivindicativa por Avelino Díaz na Taberna da Louseira ás 22.00 horas.
E para comezar o mes de setembro, o domingo día 1 (feira en Meira) terá lugar o X Roteiro Avelino Díaz, con saída da Órrea ás 10.30 horas cun percorrido de 9.5 km e xantar ao final do mesmo na Casa da Cultura de Meira ás 14.00 horas.