Meira programa rutas, actividades culturais e a Festa da Malla para pechar o mes de agosto

TerraChaXa
A observación da eclipse total de Sol, as andainas guiadas, as Festas do Quince e a XXXIV Festa da Malla centran a programación prevista nas próximas semanas
concello-de-meira
12 Aug 2026

O Concello de Meira afronta a segunda quincena de agosto cun amplo calendario de actividades culturais, turísticas e festivas que inclúe a observación da eclipse total de Sol, rutas guiadas, presentacións literarias e a celebración de eventos tan consolidados como as Festas do Quince ou a Festa da Malla, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A programación arrancará este martes 12 de agosto coa observación da eclipse total de Sol, prevista entre as 19:30 e as 21:30 horas. O punto de observación habilitado será o parque eólico, aínda que desde o Concello lembran que non será imprescindible desprazarse ata este lugar para contemplar o fenómeno, xa que o Sol non se porá ata as 21:38 horas. A Oficina de Turismo dispón aínda dun número limitado de lentes homologadas facilitadas pola Deputación de Lugo para a observación segura da eclipse.

As actividades continuarán o xoves 13 de agosto cunha nova andaina guiada do ciclo de verán. A ruta, con saída ás 17:00 horas desde a Oficina de Turismo, percorrerá o itinerario dedicado ao poeta Avelino Díaz nun percorrido circular duns catro quilómetros de dificultade baixa, combinando patrimonio literario e natureza.

O venres 14 de agosto darán comezo as tradicionais Festas do Quince, que se prolongarán ata o luns 17 coa habitual xira campestre. Durante estes días, a Oficina de Turismo permanecerá pechada. Ademais, o domingo 16 celebrarase a feira mensual na Campa do Plantío, situada xunto á residencia de maiores. Ao coincidir coa festividade local, o luns 17 será tamén festivo en Meira.

A programación cultural retomará a súa actividade o xoves 20 de agosto coa presentación do libro Carlos Valcárcel. Fotografía Etnográfica 1960-1980, prevista para as 20:30 horas. A publicación recolle numerosas imaxes históricas das feiras de Meira e doutros puntos da comarca, algunhas delas presentes actualmente na exposición do Espazo Cultural O Centro.

Ao día seguinte, o venres 21, desenvolverase a andaina guiada As fontes de Meira, aprazada no mes de xullo. A ruta circular, duns dez quilómetros, permitirá coñecer espazos como o Porto da Pena, a Fonte da Devesa, a Fonte da Bica ou a Fonte Pateira de Vilardemouros.

Un dos momentos máis destacados chegará os días 22 e 23 de agosto coa celebración da XXXIV Festa da Malla. O programa inclúe a proxección do documental Festa da Malla de Meira, 33 anos de tradicións nas mans, obradoiros de elaboración de pan, pregón, actuacións musicais, feira de artesanía, exposición de maquinaria agrícola antiga, demostracións de malla tradicional e unha comida popular con cocido, ademais da tradicional queimada.

As últimas actividades do mes concentraranse os días 25, 27 e 29 de agosto, con visitas guiadas ao Museo de Lito de Paraxes, unha ruta ata a fervenza da Mexadoira e unha actividade no cemiterio de San Roque dentro do proxecto Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria, centrada na arquitectura funeraria e na literatura vinculada á memoria.

O calendario pecharase o domingo 30 de agosto co Roteiro Avelino Díaz, un percorrido de dez quilómetros entre A Órrea e Meira que une as dúas vivendas nas que residiu o poeta. A actividade incluirá avituallamento, acompañamento musical, a inauguración dun novo chanto de Manolo Pardo e unha degustación de petiscos ao remate.

Desde o Concello lembran ademais que as visitas guiadas ao mosteiro continúan realizándose durante todo o verán de martes a domingo ás 11:30 horas e, de martes a sábado, tamén ás 17:00 horas, recomendándose a reserva previa para garantir a participación.

0.13485407829285