Meira recuperará o ambiente das antigas festas coa Verbena Galega d’Antes en tempos de Avelino Díaz

A Praza Maior de Meira acollerá o vindeiro sábado 28 de novembro a Verbena Galega d’Antes en tempos de Avelino Díaz, unha iniciativa que busca recuperar o ambiente das celebracións populares de antano e render homenaxe á memoria do escritor e poeta meirego Avelino Díaz.
O evento está organizado pola Asociación Cultural Avelino Díaz, en colaboración co Concello de Meira e coa área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que apoian esta iniciativa destinada a recuperar as tradicións e achegalas ás novas xeracións.
A actividade comezará ás 19.00 horas e terá lugar na Praza maior da localidade, a cal convertirase nun punto de encontro para todas aquelas persoas que queiran gozar dunha tarde diferente, marcada pola música, a tradición e a lembranza das festas galegas de antano.