Miguel Rico incorporarase como novo concelleiro do PSdeG na Pastoriza

TerraChaXa
O gandeiro da parroquia de Álvare ocupará a vacante deixada por Constantino Fernández e reforzará o grupo socialista de cara ás eleccións municipais de 2027
PASTORIZA psoe mmiguel rico
4 Aug 2026

Miguel Ángel Rico Rodríguez incorporarase como novo concelleiro do PSdeG no Concello da Pastoriza, onde pasará a formar parte do Grupo Municipal Socialista xunto á portavoz, Montserrat Casanova, e ao exalcalde Primitivo Iglesias.

Rico, gandeiro da parroquia de Álvare, foi o número oito da candidatura socialista nas eleccións municipais de 2023 e asumirá a acta tras a renuncia de Constantino Fernández Leira, número dous da lista, que se fixo efectiva no pleno celebrado o pasado mes de xuño.

A incorporación non puido materializarse no pleno ordinario de xullo debido á tramitación das renuncias de varios integrantes da candidatura que o precedían na lista electoral. Finalmente, será Miguel Rico quen ocupe a vacante, estando prevista a súa toma de posesión na sesión ordinaria do mes de setembro.

Desde o PSdeG explican que esta incorporación forma parte do proceso de renovación iniciado nos últimos meses, despois de que Montserrat Casanova asumise en xuño a Secretaría Xeral da agrupación local e a portavocía municipal.

A formación sinala que o reforzo do grupo municipal coincide coa chegada de novos integrantes á agrupación socialista e enmárcase na preparación do proxecto político co que concorrerá ás eleccións municipais de 2027, combinando a experiencia dos actuais representantes coa incorporación de novos perfís.

0.12424397468567