Mikel Erentxun celebra os 40 anos de Duncan Dhu co concerto inaugural das festas das Pontes

As Festas do Carme e da Fraga 2026 arrancarán por todo o alto coa actuación de Mikel Erentxun, que traerá a súa xira conmemorativa dos 40 anos de Duncan Dhu ao escenario da Rúa 8 de Marzo este venres, 17 de xullo, ás 22.00 horas, nun concerto de entrada gratuíta.
Será unha noite moi especial na que o público poderá revivir os grandes éxitos dunha das bandas máis importantes da historia do pop español. Nunha xira única, Mikel Erentxun fai unha pausa na súa carreira en solitario para render homenaxe ao legado de Duncan Dhu, coincidindo co corenta aniversario do seu debut discográfico.
Acompañado pola súa banda —Rubén Caballero (guitarra), Mikel Azpiroz (teclados), Fernando Neira (baixo) e Igor Telletxea (batería)— ofrecerá un espectáculo no que non faltarán himnos como "Cien gaviotas", "En algún lugar", "Jardín de rosas" ou "Una calle de París", ademais doutros temas imprescindibles que marcaron a varias xeracións.
O repertorio percorrerá toda a traxectoria de Duncan Dhu, desde Por tierras escocesas ata El duelo, nun concerto pensado para emocionar tanto aos seguidores de sempre como ás novas xeracións que descubriron a música da banda co paso do tempo.
A actuación converterase nun dos grandes momentos das festas e dará o pistoletazo de saída a varios días de celebración.
Tamén este venres lugar a primeira verbena das festas, a cargo da orquestra Panorama, unha das formacións de máis prestixio e tradición en Galicia. Esta agrupación foi fundada en 1988 e destaca por ofrecer un espectáculo audiovisual de máis de tres horas no que participan unha media de 20 artistas sobre un escenario monumental que require dun gran equipo de montaxe.